Emilio Atrio faleceu este venres na cidade das Burgas aos 82 anos de idade
Un sentido adeus ao avogado ourensán que deu pulo ao Consello Social da Universidade
Despois de oito anos ao fronte da institución, no ano 2011 retirouse da primeira liña
Como un excelente profesional e como unha gran persoa. Deste xeito, lembraban este venres na Universidade de Vigo a Emilio Atrio, o avogado ourensán que durante oito anos, ata 2011, foi o presidente do Consello Social desta institución. O seu falecemento aos 82 anos de idade na cidade das Burgas foi unha triste noticia para todos aqueles que durante a última década compartiron con el amizade, moitas hora de traballo en prol dun ensino superior de calidade e un gran esforzo por estreitar os lazos dos campus universitarios coas cidades e provincias nas que están presentes.
Recoñecemento profesional e humano
“Hoxe é un día moi triste para o Consello Social da Universidade de Vigo e para min persoalmente, porque me unía a Emilio Atrio unha grande amizade persoal de moitos anos. Na súa memoria só podemos ter palabras de recoñecemento e agradecemento á súa figura”, comentou Ernesto Pedrosa, actual responsable do Consello Social. Atrio, apuntou, foi “un excelente presidente, que soubo delegar moito nas persoas que formaban parte da institución, que tivo sempre un talante consensuador e que impulsou o Consello Social da Universidade de Vigo ata cotas moi altas”.A labor de Atrio ao fronte do Consello Social, indicou o seu actual presidente, “quedará sen dúbida para sempre na memoria e no recordo de todos nós e desta institución”. Alén da labor profesional do avogado ourensán, Ernesto Pedrosa gabou especialmente os valores que como persoa tiña Emilio Atrio. “Eu seguín os seus pasos, ocupando ao longo dos anos cargos como vicepresidente, presidente de comisións, etc. ata sucedelo en 2011 e só podo dicir que era unha persoa entrañable, cariñosa, moi profesional e excepcional en todos os sentidos”, subliñou.
Neste perfil humano e profesional, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, quixo destacar que “estar ao fronte de órganos destas características, que buscan a participación da universidade na sociedade e viceversa, require ser un home social, ter un trato afable e achegado, como era o caso de Emilio Atrio”. Salientando o empuxe que tivo o Consello Social da Universidade durante os anos de mandato do avogado, o vicerreitor quixo tamén lembrar a dedicación de Atrio ao seu cargo, unha dedicación constatable nas numerosas actividades que apoiou coa súa presenza ao longo dos anos que estivo ao fronte da institución universitaria.