DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con motivo da súa xubilación

Sentido homenaxe ao profesor Pérez-Amor na ETS de Enxeñeiros Industriais

Organizado polos seus compañeiros do Departamento de Física Aplicada

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 19/10/2007
D. Besadío | Vigo
Humano, cálido, xeneroso, perseverante, intelixente... foron só algúns dos adxectivos que este venres se escoitaron no salón de actos da E.T.S. de Enxeñeiros Industrias no acto de homenaxe ao profesor Mariano Pérez-Martínez y Pérez Amor, que tras 41 anos de profesión, 34 nesta Universidade, deixa as aulas ante a chegada da súa xubilación.
“Toda unha vida dedicada ás aplicacións industriais dos láseres”, así describía o profesor vigués a súa longa e dilatada traxectoria académica. Como clave principal do seu éxito: “montar grupos onde todos tirasen do carro na mesma dirección”.
O acto, marcadamente emotivo, reuniu na escola un destacado grupo de profesionais da Física e do Láser de prestixio internacional que nalgún momento tiveron relación co profesor Pérez-Amor e que, a día de hoxe, manteñen con el unha profunda relación de amizade.
Desde o Reino Unido chegaron os profesores Stuart R.J. Saunders e William M. Steen, colaboradores con Pérez-Amor nun dos primeiros proxectos europeos sobre a aplicación do láser na metalurxia. Da Universidade de Santiago de Compostela, a catedrática Inmaculada Paz Andrade, directora do Departamento de Física Aplicada na USC cando o homenaxeado formaba parte del e membro da Real Sociedade Española de Física, lembrou con humor os seus constantes enfados e reconciliacións, “cheguei a presentar a dimisión ata en catro ocasións”.
O primeiro presidente de AENA e catedrático de Matemática Aplicada na E.T.S. de Enxeñería Aeronáutica da Universidade Politécnica de Madrid, Manuel Abejón, foi outro dos relatores, lembrou os inicios do profesor vigués nesta universidade madrileña. Interveu tamén Valentín Guadaña, representando a primeira empresa creada para comercializar láser en España. José Peleteiro, actual director do Departamento de Física Aplicada da Universidade, o director da Escola Luis González Piñeiro e vicerreitor de Planificación, José Cidrás, quixeron tamén pór o seu gran de area nesta sentida homenaxe. Os que non puideron vir enviaron saúdos, chegaron desde México, Bélxica, Hungría, Alemaña, Portugal...
“Recordade sempre que ese clima de camaradería que tivo sempre o noso grupo foi básico para chegar a ser o que somos” aconsellaba o homenaxeado aos seus compañeiros, entre os que destacou “a súa particular china”, a profesora Betty León Fong.
O acto contou tamén coa intervención dun Cuarteto de Corda, no participaba o fillo do profesor, que interpretou dúas das súas pezas favoritas, “Alfonsina y el Mar” e un tango de Gardel.
O acto rematou co descubrimento dunha placa do laboratorio da Escola que, desde este venres, levará o nome do profesor Mariano Pérez-Martínez y Pérez Amor.