DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cristina e Marcos López traballarán para o CITI

O Servizo de Apoio á Investigación incorpora dous novos técnicos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 23/01/2008

A Universidade segue a incrementar a súa aposta pola I+D+i, neste caso coa consecución de dous contratos dentro do Plan de Recursos Humanos da Xunta. Grazas a eles, Cristina López Macías e Marcos López Mosquera incorporáronse como novos técnicos para o Servizo de Apoio á Investigación no campus de Ourense. Aínda que a súa situación definitiva estará no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) ata que este sexa inaugurado realizarán o seu traballo na planta menos un do Edificio de Ferro.
Cristina López traballou ata agora na oficina de I+D da Universidade e a partir deste momento prestará os seus servizos como técnico axente de Innovación cun contrato Isabel Barreto. Durante dous anos desenvolverá “as funcións de dinamización e apoio á investigación, planificación da comunicación, fortalecemento do CITI e articulación deste coas empresas do Parque Tecnolóxico”, segundo ela mesma explicou.
Pola súa banda, Marcos López incorpórase como técnico de Sistemas Informáticos a través do programa Lucas Labrada “para dar soporte informático a todo o centro de investigación, o que inclúe entre outras cousas administrar a rede e crear e xestionar a páxina web" dixo. Ata o pasado decembro impartira as prácticas da materia Enxeñaría do Software de Xestión na Escola Superior de Enxeñaría Informática como profesor invitado.