DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As temáticas van desde a biotecnoloxía e o audiovisual ata o acoso escolar e o patrimonio

Sete propostas de cursos de verán para formarse en xuño e setembro

Están abertos á inscrición dos membros da comunidade universitaria e de persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
DUVI Ourense 08/05/2023

Os cursos de extensión universitaria do campus de Ourense, os chamados cursos de verán, xa teñen aberto o seu prazo de inscrición. Promovidos pola Vicerreitoría do campus de Ourense con financiamento da Deputación Provincial, nesta ocasión son sete as propostas dispoñibles, que abranguen temáticas que van desde as tecnoloxías innovadoras e sostibles no eido da biotecnoloxía industrial e enxeñaría ambiental ata a educación social ante o acoso escolar. A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral. O número de horas de cada curso oscila entre as 30 e as 42; o número de prazas vai desde as 20 ata as 30 e o prezo varía de 10 a 120 euros, habendo diferentes descontos segundo o colectivo de pertenza (comunidade universitaria, outros colectivos vencellados á UVigo e público en xeral). A matrícula realízase a través do Campus Activo da UVigo.

Opcións para xuño

Catro son as opcións formativas dispoñibles en xuño. A primeira delas, do 12 ao 23, é o curso Tecnoloxías innovadoras e sostibles no eido da biotecnoloxía industrial e enxeñaría ambiental, dirixido desde a Facultade de Ciencias por Alicia Pérez e impartido no edifico Campus Auga. Nel, entre outros aspectos, afondaranse nestas tecnoloxías e explicaranse casos reais de aplicación de bioprodutos en diferentes eidos, como o acuícola e o industrial. Do do 14 ao 16 de xuño desenvolverase o curso Retos e perspectivas para a conservación da biodiversidade, dirixido tamén desde a Facultade de Ciencias pola investigadora María Fernández. Esta formación ten lugar cada curso académico con diferente enfoque no albergue do Concello de Muíños. “No presente curso tratarase de avaliar, dende un punto de vista científico, a importancia que teñen elementos como a conservación da biodiversidade, a loita contra os lumes e a salvagarda dos recursos naturais e hídricos cara un futuro desenvolvemento sostible da nosa sociedade no século XXI”, sinalan desde a súa organización.

Ourense no tempo: historia, arte e tradicións é outra das formacións propostas. Dirixido por José Ramón Campos, do 14 ao 17 de xuño terá lugar na Facultade de Historia este curso de carácter multidisciplinar no que se fará un percorrido por diferentes aspectos relacionados coa historia, a arte e as tradicións da provincia de Ourense, desde a prehistoria ata a actualidade, analizando tanto feitos históricos como artísticos e etnográficos. Algunhas sesións realizaranse in situ, con percorridos pedestres guiados polas beiras do río Miño, polo centro da cidade de Ourense e por lugares históricos e arqueolóxicos das comarcas da Limia, a Baixa Limia e Verín.

Outra opción que xa é un referente na programación anual de cursos de verán é o Curso de Medios Audiovisual de Celanova, que nesta ocasión leva por título Rodamos! O audiovisual no fío do futuro. Dirixido polo profesor da UVigo Miguel Anxo Fernández, a cita terá lugar do 26 ao 30 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova. Segundo indican os seus promotores, nel participarán profesionais en diversos aspectos creativos (dirección, guión, produción, fotografía, música, etc.), e vinculados ás industrias culturais, co fin de analizar a situación do sector e as novas posibilidades transversais de actuación. Ao seu abeiro terá lugar un taller de produción audiovisual, baixo o título Celanova, plató de ficción, con alumnado de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo.

Opcións para setembro

A programación de extensión universitaria volverá en setembro con tres opcións. A primeira delas é Recursos patrimoniais na provincia de Ourense: novos desafíos, dirixido polo profesor Alberto Vaquero e que se desenvolverá na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do 4 ao 12 de setembro. “O obxectivo deste curso é sinalar aqueles elementos que deben ser tidos en conta para mellorar a explotación racional do nosos recursos, para que o patrimonio sexa unha ferramenta xeradora de riqueza, especialmente no eido rural, que é precisamente onde se pode atopar a maior parte e calidade do noso patrimonio", comentan desde a súa organización.

Do 18 de setembro ao 9 de outubro celebrarase o curso Control térmico espacial: fundamentos e modelización, dirixido polo profesor Fermín Navarro e que se desenvolverá no Edificio Martínez Risco do campus. Nel as e os asistentes aprenderán desde conceptos fundamentais de control térmico aplicados aos vehículos espaciais e principios de modelado térmico e orbital en software especializado utilizado en misións ata a aplicación a un caso de uso de todo o proceso de deseño e modelado de control térmico.

A programación rematará na Facultade de Educación e Traballo Social co curso Escola inclusiva e segura: a educación social ante o “bullying”, dirixido por Jesús Deibe Fernández Simo. Neste caso, as e os asistentes coñecerán investigacións, estratexias socioeducativas e boas prácticas de intervención para a atención ao alumnado vulnerable e analizarán procesos proactivos de intervención socioeducativa na loita contra o acoso escolar.