DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proclamación definitiva da lista será o 11 de marzo, cinco días antes das eleccións

Silvia García encabeza a única candidatura ao decanato de Belas Artes

Lidera un proxecto no que a calidade da ensinanza e a responsabilidade social serán os eixos centrai

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 05/03/2015
A Facultade de Belas Artes elixirá novo equipo decanal despois de dous intentos fallidos. Silvia García, profesora do Departamento de Pintura, encabeza a única candidatura provisional presentada para concorrer ás eleccións convocadas para o vindeiro 16 de marzo para dirixir este centro. É a primeira proposta que se presenta despois de que os procesos electorais abertos en febreiro e decembro do pasado ano se pechasen sen candidaturas para dar o relevo ao actual decano en funcións, Juan Carlos Meana. García xa formaba parte do actual equipo decanal, no que era vicedecana e responsable de Cultura e Relacións Institucionais.

O equipo decanal liderado por García completaríase con Marcos Dopico como vicedecano de Imaxe e Calidade; Susana Cendán, como vicedecana de Organización Académica e Relacións Institucionais; Carlos Tejo como responsable de Relacións Internacionais e Ana Suárez como Secretaria Académica, cargo que xa viña desenvolvendo ata o de agora. A Xunta electoral reunirase este venres 6 de marzo para facer oficial a proclamación da candidatura provisional, momento a partir do cal abrirase un prazo de dous días para alegacións. O mércores 11 de marzo sería a proclamación definitiva, cinco días antes de que a Xunta de Facultade sexa chamada ás urnas.

Unha candidatura de equipo

Silvia García decidiu dar un paso ao fronte e presentarse ás eleccións por unha cuestión de “responsabilidade”. Coa maior parte do seu equipo formado por Profesores Contratados Doutores, asegura que “nos corresponde aos que non somos funcionarios loitar porque non baixe a calidade de ensino ante as novas ameazas educativas coas que nos atopamos, coma o decreto de flexibilización dos graos". “Dende o Ministerio estanse dando moitas ordes baseadas en criterios económicos e é a nosa obriga coidar porque todas estas reformas non teñan un impacto negativo na calidade educativa”, sinala. Por iso para García esta é unha candidatura de equipo, de traballo conxunto.

O outro eixo central do programa deste equipo decanal pasaría por “prepararse para o futuro”, aproveitando a celebración do 25 aniversario da creación da Facultade de Belas Artes para facer balance e “pensar naquelas cousas que queremos e podemos mellorar, como pode ser a relación que mantemos cos nosos egresados, para o que nos gustaría crear unha asociación que os recolla”.

A responsabilidade social do centro é outra das prioridades de Silvia García, que quere buscar fórmulas para xestionala de modo que repercuta positivamente en estudantes e titulados. “Coa crise cada vez son máis as demandas sociais e as propostas de colaboración que temos enriba da mesa”, asegura García, que quere xestionar todas as posibles cooperacións dende un punto de vista institucional, “liderando as iniciativas dende a Facultade de Belas Artes, non só sumándonos ao que nos propoñan”. Así, por exemplo, a directiva traballará na procura de financiamento europeo para poder levar adiante o proxecto de humanización de espazos no Hospital Provincial de Pontevedra

Dous períodos en funcións

Juan Carlos Meana, profesor do Departamento de Pintura, ocupou o cargo de decano en funcións en xuño de 2010 despois de que o profesor Ignacio Barcia fora nomeado vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade e foi ratificado no posto nas eleccións celebradas en febreiro de 2011. O ata entonces secretario foi o encargado de dirixir o deseño do plan de estudos do grao e dos mestrados, así como a súa implantación e a súa primeira avaliación. Tras rematar os tres anos de mandato, abriuse un novo proceso electoral en febreiro de 2014 que quedou deserto, o mesmo que ocorría no segundo intento hai apenas cinco meses. Naquel entonces, Meana recibiu a encomenda do reitor de continuar como decano en funcións ata que se convocaran novas eleccións mentres se completaba o proceso de acreditación das titulacións do centro coa visita da comisión avaliadora da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).