DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un simulacro de incendio baleira a Facultade de Química

Centos de persoas foron evacuadas do centro en apenas cinco minutos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Anabel Vila DUVI 24/02/2011
Incendio no soto da Facultade de Química. Son as 12.00 e o edificio está cheo, por iso a actuación dos equipos de emerxencia ten que ser rápida para a evacuación do mesmo. En apenas cinco minutos a maior parte do persoal do centro, estaba fóra. O resto, o que ocupa os anexos saiu da zona perigo a penas uns intres máis tarde. Esta vez só era un simulacro, pero é a realidade coa que traballan dende o Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Por iso o decano da Facultade, Luis Muñoz, vestiuse o chaleco laranxa que o identificaba como xefe de emerxencias, mentres revisaba que todas as plantas estivesen baleiras. “É un edificio moi grande e hai moito que revisar, descubrimos moitos detalles que pulir, pero o mellor é que todo o mundo colaborou”, sinalaba cando xa todos volvían ao edificio.

Todo comezou cando saltou a alarma de incendios. Os equipos de emerxencia, que xa recibiran formación sobre como actuar nestes casos, puxéronse en marcha e distribuíronse o traballo para tratar de acudir aos feridos, se os houbese, e desaloxar a facultade. Porta a porta, revisando aulas, despachos e laboratorios, foi saíndo cara aos puntos de encontro o estudantado, o corpo docente, os investigadores, os PAS, o persoal de limpeza... todos e cada un dos que traballan alí. Unha vez evacuados o que restaba era impedir que ninguén entrase ata que o lume fose sufocado e os danos avaliados polo persoal técnico.

Traballar na cultura da prevención

Este foi o primeiro simulacro no edificio de Ciencias Experimentais e Muñoz recoñecía que “aínda soa a exótico. Haberá que repetilo, manter a cultura da repetición como método de aprendizaxe que se lles aplica aos nenos pequenos”. O certo e que aínda que a valoración foi moi positiva decatáronse de que quedan pormenores por pulir para mellorar os tempos e a forma de evacuación.