DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xosé Manuel Beiras e Emilio Pérez Touriño participaron este mércores nun curso de verán do campus

Socialistas e nacionalistas coinciden na crítica ao neoliberalismo que asfixia a UE

Lembraron como as expectativas europeísta do grupo Nós logo non se viron cumpridas co paso do tempo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 26/09/2012
Rosa Tedín Ourense
“Estamos nunha crise política, económica e institucional dun extraordinario calado e na que estamos asistindo a unha ofensiva neoliberal contra o estado”. Deste xeito resumía Emilio Pérez Touriño, ex presidente da Xunta de Galicia, a súa análise da actual situación da UE. Unha visión que compartiu moitos puntos de encontro coa dos nacionalistas Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira, persoeiros cos que o catedrático en Economía coincidiu este mércores nunha mesa de debate nun curso de verán do campus de Ourense.

O curso, titulado A crise dos estudos de humanidades e a tradición do galeguismo á luz de Nós, citou no Liceo de Ouernse aos políticos galegos co obxectivo de afondar nas ideoloxías e políticas do galeguismo na Galicia actual e a Unión Europea. Entre o público déronse cita María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense; concelleiros da cidade e numerosos nomes da cultura e do galeguismo.

Unha Europa desarmada

O catedrático Xosé Manuel Beiras, aproveitando a temática do curso, comezou salientando como coa xeración Nós e co galeguismo nacionalista dos anos 50 e 60, Galicia apostou pola construción europea, “pero pola Europa dos pobos e dos cidadáns”, un proxecto, denunciou, que finalmente quedou truncado porque se creou a “Europa dos estados e non dos cidadáns”. Por este motivo, destacou, “só queda a de-construción da actual UE e a construción dun novo edificio europeo”.

Segundo comentou aos asistentes Camilo Nogueira, exdeputado no Parlamento Europeo, “Galicia entrou desamparada na UE ao non ter voz propia e ter que falar a través da representación española”. Agora, advertiu o político nacionalista, “o inimigo a bater, o obxectivo do neoliberalismo, é a UE, que está desarmada ante esta ofensiva”. Unha opinión compartida por Emilio Pérez Touriño, que, recoñecendo que “a UE foi decisiva” para o desenvolvemento de Galicia e o seu recoñecemento, denunciou o “baleirado do estado por parte da presión neoliberal e o cuestionamento do estado de benestar” que se está producindo.

A mesa redonda, moderada polo xornalista Xosé Lois Carrión, contou tamén coa participación de Daniel Barata, ex conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, que fixo un eloxio do papel da xeración Nós e da “ourensanía” que segue viva no eido cultural da cidade.