DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o manifestou Amada Traba nunha conferencia no marco das Xornadas de Actividade Física e Deporte

A socialización de xénero contribúe a que o deporte siga sendo “un reduto masculino”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 22/02/2010

A socialización séguenos determinando para asumir os roles maioritariamente considerados como femininos e masculinos e isto parece abrollar mesmo cando debatemos de xénero, pois tócalle ás mulleres ser as que primeiro denuncian as situacións de desigualdade. Así se puxo de manifesto no debate estimulado por Amada Traba na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde impartiu hoxe a conferencia Socialización de xénero e deporte, consecuencias na práctica e na elección de estudos, no marco das xornadas de Actividade Física e Mulleres, organizadas pola Área de Igualdade e o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo. Segundo esta profesora, que imparte Socioloxía da Educación na Universidade de Vigo e é experta en temas de xénero, “a socialización de xénero contribúe a que o deporte siga sendo un reduto masculino”.
Amada Traba partiu do deporte para falar de xeito xeral da socialización de xénero, tratando de interpelar ao alumnado asistente, na súa maioría da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, para xerar debate e para analizar sobre como a educación sexista está presente desde o mesmo día do nacemento dun bebé e se manifesta na maioría dos contextos da nosa vida de xeito cotiá e asumido como natural. De aí que ao comezo da súa charla fixese reflexionar aos estudantes sobre as palabras clave do seu discurso –deporte, xénero, socialización de xénero, división sexual do traballo, estereotipos e roles – a través dos cadros do pintor norteamericano Norman Rockwell, que recollen escenas da sociedade da súa época e reflicten clixés de xénero. “Se tivera que afrontar a socialización para o emprego ou para outro eido, utilizaría as mesma guía só cambiando a palabra deporte”, sinalou ao respecto.

Importancia do deporte na creación de identidades de xénero

Ao longo da súa conferencia Amada Traba tratou de ver, dentro do marco xeral da socialización de xénero, que importancia ten o deporte no desenvolvemento das identidades diferenciadas de home e muller. Neste sentido a profesora sinalou que “o deporte contribuíu, sobre todo historicamente, pero segue a facelo aínda, a reproducir e a manter viva a masculinidade hexemónica”.
Partiu da hipótese de que o mundo do deporte, tanto na práctica coma no estilo e no espectáculo, segue a ser un reduto masculino, aínda que se perciban algunhas mudanzas. Isto é así, segundo Amada Traba, a consecuencia dos cambios introducidos pola revolución industrial. “A división sexual do traballo acentuouse no sentido de que a familia deixou de ser unha unidade de produción e pasou a ser unha unidade de consumo e de coidado, ao cargo da que se situou ás mulleres”, explicou. “As mulleres tiñan que coidar a nenos e nenas, pero non eran un bo referente de masculinidade e entón o deporte pasou a cumprir unha función moi importante na creación da identidade masculina”, engadiu, baseando os seus postulados nas teorías psicoanalíticas de Nancy Chodorow. “O deporte pasou a ocupar un lugar importante nese espazo cara a idade adulta porque traballa todos os valores masculinos hexemónicos”, indicou.
Antes dese momento impulsado pola revolución industrial, o deporte apenas existiría segundo a profesora, limitado ás xustas e os torneos da nobreza, “que basicamente consistían en facer a guerra”. “O deporte pasou un proceso de civilización, no que as actividades guerreiras e belicosas se converteron en algo regulado, controlado e racionalizado, con códigos de cabaleirosidade que non teñen tradución feminina”, destacou ao respecto.

Necesidade de desfacer as dicotomías de xénero no deporte

No camiño dos retos, Amada Traba sinala que hoxe o deporte xa está mudando e que teóricos como García Ferrando falan das novas identidades e da individualización no deporte, no sentido de que as identidades de xénero se están desfacendo pouco a pouco. Na súa opinión o futuro está en desfacer esas dicotomías de xénero e a xerarquización no deporte, algo para o que as mulleres contribuíron moito incorporándose aos roles hexemónicos masculinos, “unha viaxe que os homes teñen feito en menor medida”. Con todo, cre que hoxe na práctica deportiva “o mesmo hai mulleres moi competitivas, que homes que gozan moito facendo actividades de aeróbic ou relaxación”. Quixo salientar tamén que considerar no deporte a velocidade ou a forza como calidades mellores que a destreza ou o ritmo son categorías creadas. “Son dicotomías falsas, construídas culturalmente desde un punto de vista androcéntrico, polo que se poden deconstruír”, concluíu. Neste sentido sinalou que as mulleres que practican deporte en España, que son o 30%, son coherentes cos roles nos que foron educadas e preocúpalles o corpo e a saúde, mentres que os homes son máis lúdicos e están socializados no xogo.

Próximas conferencias e talleres

A Xornadas de Actividade Física e Mulleres terán continuidade no campus o vindeiro mércores coa conferencia Falsos mitos e crenzas sobre nutrición e control do peso, que impartirá o coordinador da Unidade de Exercicio e Saúde do Hospital Santa Teresa da Coruña, Xabier Castro Gacio, así como co taller práctico dun deporte alternativo de Eduardo González Cerdán, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
O luns da semana próxima Cristina López Villar, doutora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, falará sobre a importancia da actividade física para a saúde das mulleres; e Aída Soraluce Acebo, especializada en actividade física para mulleres, dará un obradoiro titulado Tomando conciencia dos nosos corpos. Xa o mércores terá lugar a conferencia Estratexias para coeducar nos ámbitos fisicodeportivos, cuxa relatora é Myriam Alvariñas Villaverde, profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; e Paula Rey Silva, diplomada en Educación Física, impartirá un taller práctico sobre técnicas orientais.