DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Integrantes do proxecto europeo Ecotours, financiado con 1,3 millóns de euros

Socios de seis países debaten en Vigo como converter zonas costeiras rurais en destinos turísticos circulares, ecolóxicos e sostibles

Déronlles a benvida a vicerreitora de Investigación e a coordinadora viguesa do proxecto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 19/12/2023

Revitalizar zonas costeiras rurais que experimentan unha desaceleración económica e convertelas en destinos turísticos circulares, ecolóxicos e sostibles. Este é o obxectivo no que están a traballar os socios do proxecto europeo Ecotours, liderado desde Italia e no que a Universidade de Vigo é única representante española. Financiado con arredor de 1,3 millóns de euros polo programa Cosme,  Competitividade para Pequenas e Medianas Empresas, os socios do programa reuníronse este martes no edificio Redeiras da Universidade de Vigo, onde foron recibidos pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e a coordinadora viguesa do proxecto, a profesora Pilar Muñoz, integrante do grupo de investigación de Organización do Coñecemento, pertencente ao centro de investigación Ecobas.

“Para min é un auténtico pracer participar nesta presentación, na que vexo tantas empresas, tanto do sector turístico como de prestación de servizos”, explicou a vicerreitora, quen puxo en valor a misión de transferencia que se leva a cabo desde a universidade, tanto cara as empresas como cara ao conxunto da sociedade. Ademais de felicitar ao grupo de investigación de Organización do coñecemento por ter sido seleccionado para participar neste consorcio internacional, Rubio aproveitou esta ocasión para reivindicar a boa saúde da UVigo no que a captación de fondos internacionais se refire. “No marco das pequenas e medianas empresas do sector turístico a pandemia marcou un antes e un despois e, chegado este momento, é importante revitalizar e transformar este sector”, salientou a vicerreitora, recalcando a importancia de conseguir modelos de turismo “máis dinámicos, resilientes e ecolóxicos”.

16 empresas beneficiarias, só en España

Tras a benvida da vicerreitora, Pilar Muñoz fixo unha breve presentación do proxecto, resaltando que se se trata dun traballo que xurdiu “coa idea de ofrecerlles unha axuda directa ás pequenas e medianas empresas do sector turístico, entidades que durante a pandemia sufriron unha presión sen precedentes”. Cunha duración de 30 meses que botaron a andar hai o pasado mes de xaneiro, “o grande obxectivo deste proxecto é incrementar a competitividade deste tipo de empresas baseándose nos principios de sostibilidade, circularidade e valorización dos recursos locais, implicando a todos os axentes para que se cree un sistema de apoio a este tipo de empresas”.

Ademais dos socios do proxecto, procedentes de Italia, Grecia, Francia, Chipre e Hungría, a xuntanza contou coa participación das 16 empresas beneficiarias do proxecto para o territorio español, ademais de representantes de diferentes institucións con competencias no eido do turismo sustentable (Turismo de Galicia, Parque Nacional das Illas Atlánticas, Fundamar...), así como posibles provedores que poidan dar apoio ás PEME seleccionadas, tanto na parte de mentorización e apoio personalizado como na de certificación.

De Nicosia a Sicilia pasando polo Condado de Csongrád-Csanád

Ecotours tratará de pór sobre a mesa novas alternativas que melloren o valor empresarial da rexión de Sicilia, en Italia; Macedonia occidental, en Grecia; Córcega, en Francia; Nicosia, en Chipre; o Condado de Csongrád-Csanád, en Hungria, e Galicia, en España.

Neste primeiro ano de andadura, entre outras moitas actividades, xa se levou a cabo a primeira ‘visita de estudo’, o pasado mes de novembro a Agrigento, Sicilia. En xaneiro, tal e como se explicou durante a xuntanza, será a quenda de Nicosia, en Chipre, e, xa en marzo, volverán de novo a Galicia, neste caso xa como visita de estudo e non como reunión dos socios. “Xa estamos a traballar nesa visita”, indicaron as responsables viguesas do proxecto, ao que engadiron que, a maiores, se encargaron tamén do deseño dos cuestinarios que se están a empregar para recoller a información sobre o impacto do proxecto nas empresas, sobre a situación de partida das mesmas, así como sobre o impacto da covid-19 nos seus negocios.