DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 'junior empresa' Freshysweet recolle alimentos e xoguetes en CCSS e da Comunicación

Solidariedade con sabor a Nadal

Todo o doado ata mañá mercores será distribuído a través da plataforma Rede Axuda

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 17/12/2013

A proximidade das festas do Nadal fai que se multiplique o espírito solidario e que sexan moitas as persoas que queren achegar o seu gran de area a quen máis o precisa. Desde a mañá deste luns e ata as 20.30 horas deste mércores, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación dispón precisamente dun espazo no que contribuír a unha boa causa; unha recollida de alimentos e xoguetes promovida polos oito alumnos e alumnas que integran Freshysweet, a ‘júnior empresa’ deste centro. Todo aquilo que logren reunir ao longo destas tres xornadas, explican, será distribuído a través da plataforma Rede Axuda de Pontevedra, da que forman parte varias entidades benéficas.

Concretamente, todos os xoguetes que sexan doados no posto instalado por este grupo de estudantes na planta baixa da facultade serán entregados á Fundación Meniños para o seu posterior reparto, mentres que os alimentos serán distribuídos por diferentes colectivos da Rede Axuda, segundo apunta Miguel Puerto, un dos integrantes de Freshysweet. Ao longo destas tres xornadas de recollida, os oito alumnos e alumnas desta ‘júnior empresa’ están a facer quendas para manter operativo este posto de recollida de xoguetes e alimentos entre as 9.00 h e as 14.00 h e entre as 15.30 h e as 20.30 horas.

Polo de agora, a iniciativa está funcionando ben. “Levamos xa unhas cantas caixas”, apunta Puerto, quen subliña que esta campaña non está limitada á comunidade universitaria, senón aberta a toda a cidadanía. Ata o momento, “o que máis se recolleron son xoguetes”, engade este representante de Freshysweet, quen tamén apunta que, a tenor do que lles trasladan desde Rede Axuda, “o que máis se precisa neste momento é leite en po, material escolar, cueiros, galletas e cacao”.

Unha empresa na facultade

Os responsables desta iniciativa benéfica son Xaquín Iglesias, Pablo García, María Gómez, Miguel Ángel Acosta, Antón Regueira, Lucia Villaravid, Manuel Fernando Ávila e o propio Miguel Puerto, os membros da júnior empresa Freshysweet, unha das tres que existen na actualidade no sistema universitario galego. Todas elas acordaron poñer en marcha unha campaña de recollida por estas datas, relata Puerto.

O obxectivo de Freshysweet, engade, "é ampliar a formación que recibes na Universidade traballando con clientes reais”. Por iso, Freshyseet funciona como unha axencia de publicidade que ofrece os seus servizos a empresas. Pero ao mesmo tempo é unha empresa ligada á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, da que só poden formar parte alumnos e alumnas de grao ou máster, que non poden obter beneficios. Todo o que se consigue “destinámolo a cursos e outras actividades para a nosa formación”.