DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha exposición comisariada por Tareixa Taboada

As 'sóloEDADES' de Fernando Barreira expóñense na Sala Alterarte

Con ela conmemóranse os 44 anos de produción plástica deste artista

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Ourense 08/03/2024

Desde este xoves pola tarde, a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle nos seus muros unha nova proposta creativa. Trátase da exposición sóloEDADES, do artista Fernando Barreira e comisariada por Tareixa Taboada. Con ela quere conmemorarse os 44 anos de produción plástica deste polifacético artista.

A mostra dá continuidade ao proxecto expositivo de Alterarte Recipricidade, posto en marcha baixo a coordinación do profesor Javier Blanco. Na súa inauguración este xoves participaron Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, ademais dos protagonista desta iniciativa, Fernando Barreira e Tareixa Taboada.

Unha viaxe "ao corazón do ser humano"

Tras sete anos de ausencia da escena plástica, Fernando Barreira volve con sóloEDADES, un proxecto, destaca a comisaria da mostra, “en sintonía coa arte relacional que defende aproximar a experiencia cultural e creativa desde o ámbito educativo e universitario ao conxunto da sociedade”. A obra de Fernando Barreira, explica Tareixa Taboada, “é unha viaxe ao corazón do ser humano, unha exploración, que subxace baixo cada capa de significado, pedagoxía da vulnerabilidade baixo o preciosista verniz da purpurina no barro do tacón, un fascinante universo artístico onde a expresión artística se converte nun espello das nosas propias emocións, inseguridades, pozos, valentías e experiencias”.

Sobre as obras expostas, a comisaria indica que “no mundo de Barreira, as formas transfórmanse e as intrahistorias despréganse nunha estrita sinfonía cromática. A súa sofisticación do debuxo, a súa linguaxe posvangardista, a súa elegancia aceda e sabia, reflíctese nunha caligrafía persoal como expiación existencial con atmosfera claustrofóbica na ferida aberta do vermello cadmio”. Entre as pezas que se poden ver na Sala Alterarte está unha das máis representativas do autor, o tríptico de As lanzas, non exposta ata agora. Tamén está O tesouro do Delfín, que reflexiona sobre “o esquecemento e o pasado, a perda, as mutilacións do tempo, os continuos roubos, o desinterese e o inacabado” a través dun colección histórica de ourivaría antiga que posúe o propio artista.