DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Confirmouno o presidente da Audiencia Provincial nun curso da Universidade sobre mediación

As solucións extraxudiciais en conflitos de menores diminuíron un 36% en Pontevedra no 2009

A voceira do CGPJ avogou por implementar estas formas de resolución de conflictos

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª Carmen Echevarría DUVI 20/07/2010

Coa finalidade de achegar solucións e contribuír a aliviar, polo menos en parte, a crise que sofre a administración de xustiza, nas últimas décadas cobrou forza , tamén en Europa, o emprego de sistemas como a mediación ou a conciliación que procuran alternativas extraxudiciais coas que dar resposta aos problemas que a diario se presentan nos tribunais de xurisdición ordinaria. Analizar o proceso penal de menores que se pon en marcha ante a comisión dun feito delitivo e expoñer os beneficios que a mediación poder reportar tanto á víctima como ao infractor, son os obxectivos principais do curso de Extensión, A mediación como alternativa ao proceso penal de menores que desde hoxe e ata o vindeiro xoves se desenvolverá na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla.

Na inauguración das sesións que contan con preto de 50 asistentes e a intervención de destacados poñentes dos ámbitos académico e xudicial, o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez, destacou que a pesares de ser “unha vía que non está explorada o suficiente” as solucións extraxudiciais aos conflitos que teñen aos menores como protagonistas, “experimentaron en Galicia un descenso entre os anos 2008 e 2009 que no caso concreto da provincia de Pontevedra se traduciu nun 36% menos”. Menéndez que concretou esa diminución na conciliación e na reparación como solucións extraxudiciais contempladas na Lei Penal do menor, tamén puxo de manifesto na súa intervención que cada vez son máis os pais que acoden á Xunta a institucións sociais “porque non son quen de controlar a violencia dos seus fillos”. O presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra cifrou a diminución rexistrada nas solucións extraxudiciais nas outras provincias galegas nun 7% no caso de A Coruña e un 1% na de Ourense, mentres que na de Lugo no se rexistrou variación.

Novas formas de violencia no estado de benestar

Na súa intervención na inauguración do curso o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, aludiu a posibilidade apuntada por moitos expertos en relación coa influencia do estado do benestar acadado sobre todo en Europa como “xermolo de novas formas de violencia”.
O reitor da Universidade de Vigo que puxo de manifesto a materia pendente que aínda ten a institución académica á hora de unir teoría e práctica fixo referencia a o curso como “un punto de encontro de referencia para o debate, a análise crítica e a posta en común de ideas destinadas a mellorar a protección xurídica e os mecanismos que teñen como destinatarios aos menores”.

Orixe, evolución da xustiza penal xuvenil en España

Na primeira das mesas redondas do curso a catedrática de Dereito Procesal da Universidade de Vigo e directora do curso, Esther González, abordou a orixe, a evolución e os diferentes modelos da xustiza penal xuvenil, cuxo inicio situou en Chicago no ano 1889 no Movemento dos Salvadores do Neno. Tras facer referencia á creación dos primeiros tribunais de menores que tiñan como obxectivo a reeducación, González Pillado abordou a evolución que se produciu na xustiza “con modelos nos que prevalecen por una banda as fórmulas educativas ou sancionadoras”. Dous modelos que dan paso xa na segunda metade do século XX a un modelo de responsabilidade caracterizado por que as garantías procesais dos menores son as mesmas que a dos adultos, ao tempo que se trata de buscar un equilibrio entre o educativo e o xudicial.

Moito por facer para implementar a mediación

Trala intervención dos profesores da Universidade Autónoma de Madrid, José Alberto Revilla e da Universidade de Vigo, Pablo Grande Seara, a voceira do Consejo General del Poder Judicial, Gabriela Bravo, foi a encargada de pechar a primeira xornada do curso. Antes da súa intervención na que abordou a mediación como medio de solución de conflictos, Bravo compareceu ante os medios de comunicación para destacar o traballo que o Consejo desenvolve en materia de mediación en diversos ámbitos e nos que as comunidades de Cataluña e de Euskadi son pioneiras.
Bravo confirmou que no ano 2009 pecháronse case 1400 expedientes derivados á mediación penal, aínda que sinalou que “queda moito por facer para implementar esta forma de resolución”, un proceso no que segundo a voceira do Consejo será determinante a entrada en vigor da reforma da Lei de enxuizamento criminal e a incorporación da mediación á vía xudicial.