DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A duodécima edición deste encontro internacional está organizada polo grupo Ephyslab

Spheric 2017 reúne en Ourense a 120 expertos en simulación de fluídos procedentes de 21 países

Durante tres días presentaranse 60 comunicacións sobre o modelo computacional SPH

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 13/06/2017

Este martes arrancou no campus de Ourense a celebración de Spheric 2017, o 12th International Smoothed Particle Hydrodynamics European Research Interest Community Workshop. A cita, organizada polo grupo da Universidade de Vigo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory, e o Flanders Hydraulics Research, reúne a 120 expertos e expertas en simulación de fluídos procedentes de 21 países. Durante os tres días de encontro, levaranse a cabo 60 presentacións nas que se afondará nas últimas novidades tecnolóxicas e de aplicación do modelo computacional SPH, modelo emerxente que se emprega principalmente para realizar todo tipo de simulacións de fluídos, desde o impacto das ondas na costa ata a colisión de galaxias. “A resposta á convocatoria deste encontro en Ourense foi moi boa, superando a cifra de participantes de anteriores edicións”, destacou Alejandro Cabrera, investigador Ramón y Cajal do grupo Ephyslab e responsable do comité organizador.

Spheric, sinalan os responsables da cita, é unha organización apoiada pola European Research Community On Flow, Turbulence and Combustion (Ercoftac) e formada por máis de 70 institucións de todo o mundo que buscan promover o uso do modelo SPH (smoothed particle hydrodynamics), o modelo hidrodinámico de partículas suavizadas. Os seus encontros internacionais, como o que esta semana se celebra no campus de Ourense, indican desde a organización, “constitúen os únicos eventos mundiais que se centran exclusivamente na metodoloxía de hidrodinámica de partículas suavizadas e nos métodos de simulación relacionados”. A boa acollida e resultados que ten cada edición dos encontros Spheric, engaden, radican no feito de estar centrados nunha tecnoloxía moi específica e de uso emerxente, tanto a grande como pequena escala, e na contorna de aplicación interdisciplinar na que se move, integrando o coñecemento de expertos tanto do eido académico como empresarial de diferentes áreas, como a física, as matemáticas ou a enxeñaría.

Participación de empresas

Na cita que se celebra na Facultade de Ciencias, inaugurada este martes por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, participan expertos procedentes de, ademais de España, Italia, Francia, Reino Unido, Irlanda, Suíza, Bélxica, Alemaña, Países Baixos, Portugal, Suecia, Austria, Tunisia, Rusia, Estados Unidos, China, Corea do Sur, Australia, India, Canadá e Xapón. Entre os asistentes hai expertos e expertas de institucións públicas pero tamén de grandes empresas, como Mercedes, Renault, Shell, o Massachusetts Institute of Technology, o ESI Group, Shiseido e EDF Electricity of France. Nesta edición, explicaron en nome da organización tanto Cabrera Crespo como Ben Rogers, da University of Manchester, Spheric fai especial fincapé en trasladar as vantaxes deste modelo computacional ao tecido industrial, en que o sector privado coñeza esta tecnoloxía e as súas aplicacións. “O SPH ten moito que ofrecer en moitos campos”, destacou Ben Rogers durante a súa intervención.

O modelo SPH, comenta Alejandro Cabrera, “é un modelo computacional novidoso para a resolución de problemas de fluídos con superficie libre sen facer uso dunha malla, mentres que a maioría de programas de fluídos máis convencionais e comerciais si necesitan facer uso desa malla”. Este modelo, engade, aplícase en moitos campos de enxeñaría naval, aeroespacial, civil ou mecánica, principalmente para resolver problemas onde se producen grandes impactos de fluído con estruturas, simulación de fluídos de diferentes fases (auga e aire por exemplo), sistemas con xeometrías moi complexas ou con obxectos que se moven moi rapidamente, etc.

DualSPHysics

Desde que no ano 2011 o grupo Ephyslab, co catedrático Moncho Gesteira á cabeza, lanzou o seu software DualSPHysics tense convertido nun referente internacional en simulación de fluídos, sendo a súa ferramenta empregada por todo tipo de entidades públicas e privadas, desde Mercedes á Nasa. Na actualidade, con máis de 25.000 descargas, DualSPHysics, sinala Alejandro Carbrera é o modelo gratuíto e aberto máis coñecido e empregado, estando implicadas no seu desenvolvemento universidades como as de Manchester, Gent, Parma, Lisboa e a Politécnica de Cataluña. Por esta traxectoria, Spheric 2017 celébrase no campus de Ourense deste este martes ata o 15 de xuño. Durante a súa inauguración anunciouse que a seguinte cita para a comunidade que traballa neste eido será do 17 ao 20 de outubro en China, no Beijing International Workshop. Será, apuntaron desde a organización, a primeira vez que esta cita se celebre fóra de Europa.