DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As eleccións celebraranse o vindeiro 16 de decembro

Susana Reboreda encabeza a única candidatura ao decanato de Historia

Lidera un proxecto de continuidade que terá como principal reto o aumento de matriculados

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 03/12/2014
Susana Reboreda, profesora titular de Historia Antiga, encabeza a única candidatura provisional que se presentou ao decanato da Facultade De Historia do campus de Ourense, que celebrará eleccións o vindeiro martes 16 de decembro. Deste xeito, de saír elixida Reboreda relevaría no cargo a Beatriz Comendador, que pasaría a ocupar o posto de vicedecana. A secretaría estaría ocupada por María del Carmen Arribas. “Trátase dunha candidatura de continuidade, con practicamente o mesmo equipo e a mesma liña de traballo a seguir”, subliñou Reboreda, que xa foi decana da facultade nunha etapa anterior.

Nesta proposta aínda provisional ata o 15 de decembro, Beatriz Comendador seguiría achegando a súa experiencia pero dende outro cargo para poder afrontar a coordinación dos mestrados e outras tarefas docentes que ten por diante, ademais de descansar un pouco tras "o importante esforzo que fixemos o curso pasado na facultade coa renovación de todas as titulacións. Como vicedecana poderei achegar moito tamén, que nos tempos que corren todos temos que arrimar o hombro".

Plan estratéxico

Este equipo de traballo ten claras as súas prioridades. A primeira cuestión a que lle quererían facer fronte no caso de ocupar o decanato sería o tema da matriculación, xa que a titulación non chegou ao mínimo de 45 alumnos e alumnas marcado pola Xunta de Galicia. O seu plan estratéxico pasa por fomentar e “fortalecer” a modalidade semipresencial do grao, como describe Reboredo, “algo diferente, novo, dirixido a un nicho de estudantado que ata agora non tiñamos: aquel que está traballando e que quere ampliar a súa formación cunha serie de coñecementos aos que nos lle podemos dar resposta”. Unha aposta que esixirá un maior esforzo por parte do equipo docente para poder ofrecer e garantir “unha avaliación continua e un contacto directo co profesor”.

No caso de ocupar o decanato, Reboreda tentaría retomar unha idea na que xa levaban traballando con Beatriz Comendador á cabeza: a dobre titulación con Turismo. “De aí podemos sacar estudantes realmente competitivos cunha formación histórica, xeográfica e artística extra que non existe en ningunha outra titulación do Sistema Universitario de Galicia”, salientou a candidata.

Reunión da Xunta Electoral

Agora o vindeiro paso será a reunión este xoves 4 de decembro da Xunta Electoral, que presidirá a actual decana, Beatriz Comendador, para proclamar a listaxe provisional de candidatos ao decanato. A partir de aí abrirase un prazo para a presentación de reclamacións que irá do 5 ao 12 de decembro. O día 15 reunirase de novo a Xunta Electoral para ver se hai algunha reclamación que resolver e proclamar as candidaturas definitivas. O 16 de decembro procederase á votación nunha Xunta de Centro Extraordinaria.