DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Releva no cargo por unanimidade a Beatriz Comendador, que seguirá como vicedecana

Susana Reboreda, nova decana da Facultade de Historia

O aumento de matriculados e unha dobre titulación con Turismo, as súas principais liñas de traballo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 16/12/2014
Continuidade e moito traballo en equipo. É o que traerá o mandato de Susana Reboreda como nova decana da Facultade de Historia, cargo no que relevou por unanimidade este martes a Beatriz Comendador tras conseguir o apoio dos 18 votantes na Xunta de Centro extraordinaria. Única candidatura a optar ao decanato, a chegada ao posto de Reboreda non suporá ningunha ruptura coas liñas estratéxicas de gobernanza que se estaban a seguir no centro, xa que a profesora de titular de Historia Antiga e ata esta mañá vicedecana terá como segunda de a bordo á propia Beatriz Comendador. María del Carmen Arribas como secretaria do decanato completará o equipo de goberno.

A pesar de que xa fora decana entre 2002 e 2006, Reboreda afronta esta nova etapa con certos nervios pero cos retos e as súas posibles solucións ben claras. “Somos conscientes de que son tempos difíciles para a Universidade de Vigo en xeral, para o noso centro en particular. Por iso precisamos da colaboración de todos os membros da facultade”, asegurou a nova decana, que pediu a todos aqueles que xa están colaborando que continúen e a implicación de todos aqueles que aínda non teñen tarefas asignadas.

Catro liñas prioritarias

O primeiro problema ao que o novo equipo decanal quere plantar cara será o tema da matriculación, xa que a titulación non chegou ao mínimo de 45 alumnos e alumnas marcado pola Xunta de Galicia. “Por primeira vez inverteuse a tendencia ascendente que tiña o centro dende o ano 2007 e esa é unha cuestión que nos preocupa”, explicou. A aposta será agora potenciar as transformacións propostas o ano pasado, a modalidade semipresencial do grao, “algo diferente dirixido a un nicho de estudantado co que ata de agora non contabamos: aquel que está traballando e que quere ampliar a súa formación cunha serie de coñecementos aos que nos lle podemos dar resposta”.

O segundo eixo de actuación será “retomar a idea” dunha dobre titulación entre Xeografía e Historia e Turismo, unha cuestión na que xa se estaba a traballar con Beatriz Comendador á cabeza do decanato. “Pensamos que este perfil pode sacar adiante graduados que demanda a sociedade, competitivos no mercado laboral e cunha formación que non existe en ningunha outra titulación do Sistema Universitario de Galicia”, recordou. No eido formativo tamén se traballará na análise das posibilidades de vinculación a un programa de doutoramento.

Por outra banda, a nova decana tamén ten en mente todo o traballo que levan consigo as certificacións de calidade e as avaliacións obrigadas, para as que a Facultade de Historia e as súas titulacións “terán que estar preparadas e que se deben afrontar tentando que os aspectos positivos da calidade redunden nun centro máis competitivo. E logo afrontaremos todo o que veña, tratando de resolver día a día”.