DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do Escola de Enxeñaría Forestal realiza prácticas virtuais das tarefas habituais no monte g

A tala e extracción de madeira, tamén nos simuladores

Ao abeiro do acordo asinado pola Universidade con Confemadera Hábitat Galicia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 04/04/2013
Todos estamos acostumados a oír falar de simuladores de voo, de condución, de navegación, pero a tecnoloxía virtual chega tamén a sectores como o da madeira, converténdose nun importante apoio para a formación dos futuros enxeñeiros e enxeñeiras forestais. Con este obxectivo, un primeiro grupo de estudantes da Escola de Enxeñaría Forestal puideron xa tomar contacto con estes simuladores de procesadoras e autocargadores forestais, grazas ao convenio asinado hai unhas semanas entre a Universidade e Confemadera Hábitat Galicia.

Nesta primeira visita ao centro Integrado de Formación Profesional en Santiago de Compostela, estes alumnos puideron realizar prácticas sobre labores de tala e extracción da madeira, habituais no monte galego. A través destes simuladores puideron practicar habilidades tanto no manexo de maquinaria pesada como nas técnicas de planificación da tala para a optimización do seu rendemento. Dende Confemadera Hábitat Galicia estiman que nos montes galegos traballan arredor de 100 procesadoras e a mecanización das cortas supuxo un cambio substancial de cara á modernización dos labores de tala e extracción da madeira que se realiza en Galicia.

Moderna tecnoloxía 3D

O simulador forestal empregado polo alumnado foi deseñado pola empresa británica Komasut, pioneira na tala mecanizada, e é de última xeración. Conta cun sistema multipantalla e permite a simulación en diferentes escenarios, mediante o uso dunha plataforma móbil oscilante que recrea as pendentes e os distintos tipos de terreo do monte galego. Polas súas características é único en España.

Esta actividade enmárcase no convenio marco de colaboración que asinaron a principios do mes de marzo, Confemadera Hábitat Galicia e a Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra que ten como obxectivo promover a formación do alumnado en contacto directo coas empresas e as novas tecnoloxías que se manexan nesta industria. Precisamente, este simulador é unha cesión da Consellería de Traballo e Benestar a Confemadera Hábitat Galicia, ao abeiro dun acordo polo cal tamén se ceden as instalacións do centro Integrado de Formación Profesional de Santiago para impartir formación especializada, a través de exercicios prácticos.