DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man da profesora Elena Lapeña, que expuso a súa obra 'Corintia' na capital dos Países Baixos

O talento artístico da Universidade viaxa por primeira vez aos 'Open Ateliers' de Amsterdam

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 13/06/2012

O talento artístico da Universidade non entende de fronteiras. Co propósito de mostrar a calidade das creacións concibidas entre as paredes da Facultade de Belas Artes do campus, a profesora e investigadora Elena Lapeña expuxo en Open Ateliers de Amsterdam a súa obra Corintia ante a crítica internacional, unha colección de plantas subtraídas a lapis da natureza, que converte a Lapeña na primeira artista investigadora da Universidade en proxectar o seu traballo nun espazo de recoñecido prestixio mundial. “A pesar do esforzo que supón e da enorme carga de traballo, é unha sorte que tanta xente do sector vexa o traballo que se fai dende esta Universidade”, confesa a artista.

Open Ateliers é un conxunto de obradoiros abertos polos propios artistas do lugar dende hai case 30 anos nas illas do noroeste da capital dos Países Baixos. “É un barrio cunha gran traxectoria artística e que está emprazado no corazón mesmo de Amsterdam”, aclara Lapeña, o que converte ao espazo expostivo “nunha forma orixinal, viva e alternativa de proxectar internacionalmente o traballo de investigación e creación realizado dende a Facultade de Belas Artes”, engade Lapeña.

Homenaxe á beleza natural

Elena Lapeña viaxou coa súa obra Corintia, unha colección que reflicte a beleza e o realismo da natureza. Como explica a propia artista, as plantas representadas “invitan a tempos de lectura pois a botánica ten voz tanto na literatura como na arte. Son exemplos os asfódelos de La Odisea, as flores do mal de Boudelaire, o cardo na man de Durero, os poemas de Hölderlin...”, describe Lapeña. Da serie de cadros chama especialmente a atención o uso de fondos neutros que libera a representación do caos da natureza “transformándose en arquitecturas ordenadas, afastadas da indeterminación e da desorde”, apunta Lapeña que ao mesmo tempo engade que ao prescindir da contorna das plantas “a interpretación do lector vólvese máis libre e salvaxe”.

Para a artista a súa obra é tamén unha homenaxe á beleza natural “no momento que se converte en artificial”, sinala, grazas a introdución de formas xeométricas e perfectas. Non obstante o que cobra máis valor é o trazo realista feito a man “cobrando importancia a destreza acrobática do lapis na natureza”, conclúe a profesora da Facultade de Belas Artes que desenvolve a súa actividade creadora no ámbito das artes plásticas, ademais de formar parte do grupo de investigación dx5- Digital & graphic art research da Universidade dende 2005.