DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha acción visual interactiva que se realizará en colaboración coa Escola de Cine de Florianópolis

O talento audiovisual da Universidade ‘viaxará’ a Brasil en forma de luz

Na fachada da Casa das Campás proxectaranse imaxes en directo realizadas polos estudantes cariocas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 17/10/2012

Inmigrantes en Brasil “aínda que sexa en forma de luz e dixitalmente”. Froito dun proxecto docente e innovador promovido polo profesor Oswaldo García, alumnos e alumnas do Grao en Comunicación Audiovisual do campus e da Escola de Cine de Florianópolis participarán nunha acción visual interactiva na que compartirán por un intre e en directo as súas experiencias narrativas e técnicas. “No fondo, trátase dun experimento de creación audiovisual cooperativa aproveitando os novos soportes”, explica o docente que estableceu como lugar de proxección a fachada da Casa das Campás dada a súa compoñente cultural. Se a climatoloxía o permite, este intercambio de imaxes levarase a cabo na madrugada deste sábado.

Esta iniciativa naceu ao abeiro dunha estadía de investigación de García na Universidade Federal de Santa Catalina de Brasil e na que entrou en contacto coa profesora Clelia Mello. “Daquelas propúxome como idea inicial organizar unha videoconferencia na que a mensaxe non fose construída convencionalmente, senón descontextualizando a tecnoloxía e asociándoa a unha linguaxe audiovisual”, explica o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Tras dous meses de preparativos Mello dende Brasil e García dende Pontevedra foron quen de planificar unha actividade na que os estudantes poidan elaborar un diálogo visual conxunto e interactivo “bebendo de códigos cinematográficos distintos” e aproveitando as posibilidades comunicativas das novas tecnoloxías.

Para desenvolver a actividade, o alumnado participante dun e doutro continente disporá de cinco ordenadores portátiles con cadanseu proxector programados de tal xeito que a imaxe xerada en Brasil se visualice en Pontevedra e viceversa. “Todo o que se proxecte nesta sesión vai ser en rigoroso directo, resultado do que capten coas súas cámaras web e outros dispositivos móbiles no momento”, subliña o profesor que tamén fai fincapé na variedade de propostas audiovisuais pensadas para a ocasión. “Haberá performances, traballos con texturas de arte, percorridos visuais pola zona gravados con móbiles sincronizados aos portátiles para enviar a imaxe en tempo real, creación de escenarios no propio teclado do ordenador, xogos de luz...”, exemplifica. O único nexo condutor entre todas as iniciativas será unha secuencia musical de 30 minutos creada polos dous profesores que recolle a identidade sonora de Brasil e Galicia facilitada a todos os participantes. “Queremos que partan dunha mesma inspiración e que compartan un mesmo referente, forzando un diálogo previo”, engade García.

Un intercambio cultural

Ademais de impulsar unha actividade formativa, os organizadores buscan que tamén se converta “nunha auténtica declaración de principios”, promovendo o aproveitamento dos espazos públicos como novas posibilidades de expresión audiovisual. “Estamos convencidos de que debemos ocupar os lugares que son de todos con propostas innovadoras, comprobando ao mesmo tempo que non ten porque haber cine só dentro das salas, tamén fóra”, de aí que optasen pola fachada da Casa das Campás, “para encher de contido un espazo cultural”. Por outra banda, García salienta os lazos culturais que nacerán tras a posta en marcha desta acción, “seremos inmigrantes dixitais aínda que sexa en forma de luz durante un espazo de tempo”, apunta o profesor que defende a necesidade de crear máis vínculos e sinerxías cos países suramericanos. “Vivimos sempre mirando cara Europa e non nos decatamos de que temos xente máis aló do océano coa que compartimos moitos máis referentes culturais e idiomáticos e coa que quizais haxa moito máis que facer en común”, reflexiona.

Os organizadores están seguros que esta primeira iniciativa conxunta abrirá novas canles de colaboración xa que tras a proxección, todos os participantes avaliarán e analizarán os resultados narrativos e estéticos froito desta acción experimental.