DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dez alumnos da titulación de Publicidade e Relacións Públicas recolleron os seus galardóns este venr

O talento de CCSS e da Comunicación sobe por duplicado ao escenario do Publifestival

Aproveitaron a gala para facer novos contactos entre o mundo profesional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 18/06/2012

Este final de curso será inesquecible para dez alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, non só por rematar os seus estudos de Publicidade e Relacións Públicas, senón porque abandonarán o campus “cun título e cun premio de prestixio debaixo do brazo”. Este venres 15 de xuño, os dous grupos premiados na categoría de Novos Talentos do Publifestival, certame internacional de publicidade social, recolleron nunha gala en directo en Barcelona os seus galardóns por dous anuncios sobre o tabaquismo e o consumo de auga, escollidos entre os cinco mellores de máis de 250 propostas presentadas ao certame. “Recoller este premio supón todo un logro para nós”, comenta Rocío Fernández, que destaca a grandeza do escenario “no que te sentes pequena e vulnerable e á vez con moita adrenalina ao oír as risas e os aplausos do público. Notouse que gustaba”.

Estes dous anuncios son obra de Andrés Pascual, Adriana Vázquez, Iciar Troncoso, Iago Rodríguez e Rocío Fernández, autores do spot Reconcíliate cos teus pulmóns, e de Elena Domínguez, Cristina Márquez, Sofía Borra, Javi Canle e Jorge Castro cunha peza publicitaria sobre o consumo responsable de auga, ambos traballos contextualizados dentro da materia de Laboratorio de Produción Publicitaria en Televisión, impartida polo profesor Alberto Dafonte, coa que orientou ao seu alumnado a participar neste festival con fins solidarios. “A creatividade por creatividade é moi bonita pero o complicado é adaptarse a unhas condicións concretas”, declara Dafonte, de aí que decidira que os estudantes rodasen unha peza cuns requisitos en concreto, neste caso, que incluíse unha clara mensaxe social.

Para Alberto Dafonte, este recoñecemento ao talento emerxente do campus “é unha meta moito máis estimulante que a nota que poden conseguir na materia, porque os aprobados esquécense nuns anos e os premios quedan no currículo”, reflexiona o profesor, do que se lembrou o seu alumnado no momento de recoller o galardón. Dafonte confesa sentirse moi satisfeito cos resultados acadados neste curso, “é unha concentración de premios pouco frecuente que sen dúbida fala do talento do noso estudantado e tamén da calidade da formación que recibe”. Pola súa banda, os dez novos talentos agradeceron publicamente o apoio recibido por parte dos familiares e compañeiros e aproveitaron a ocasión para facer contactos e darse a coñecer entre o mercado profesional. “Non dubidamos en establecer relacións co mundo da publicidade nacional. Había que aproveitar a ocasión de estar rodeados de tanto talento”, engade.

Reflexións sobre o consumo de auga e do tabaco

Un dos anuncios galardoados pretende concienciar á cidadanía sobre a importancia de preservar a auga baixo o lema Save the water, “ co que se quixo reflectir a idea de que non é un recurso inesgotable e que a súa desaparición pode estar máis preto do que se pensa”, explica Elena Domínguez. A outra das pezas publicitarias reflexiona sobre as consecuencias de ser fumador “pero cun toque de frescura” personificando os pulmóns “para lanzar a mensaxe que tarde ou cedo devolverán o maltrato que están recibindo cando se fuma”, comenta Fernández.

A esencia deste premio xorde da intención de Dafonte “de que os traballos de clase sirvan para algo máis que para unha simple nota”, sacándolle un dobre rendemento que se vexa reflectido no currículo do estudante. “Froito desta iniciativa xa temos algo que dicir de nós e xa contamos con material para poder ensinar nas entrevistas”, comenta unha das alumnas, ademais de proxectar o traballo e a formación publicitaria da facultade pontevedresa alén da comunidade galega. Son dez alumnos e alumnas que están a días de rematar os seus estudos polo que este premio “achega calidade aos nosos portfolios”, apunta Fernández, que declara que non hai mellor recoñecemento á creatividade “que un outorgado por un certame como o Publifestival”. Dada a experiencia positiva vivida, este grupo de estudantes anima a todos os novos creativos a ser proactivos, “pois se tes unha idea e cres nela non necesitas máis que ganas para levala a cabo”, conclúe.