DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Aula de Teatro Universitaria de Ourense irmándase coa de Casabranca

O teatro quece motores para o novo curso

A iniciativa potenciará os seus respectivos festivais internacionais

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 08/09/2011
O curso académico 2011/2012 está arrancando e con el a programación cultural universitaria. Nela e coma cada ano, o teatro volverá a ser unha das súas estrelas da man das aulas de teatro da Universidade de Vigo, que ultiman arestora o seu programa de actividades. Mentres chegan as primeiras representacións e obradoiros, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense aproveitou o comezo de setembro para representar no Festival Internacional de Teatro Universitario de Casabranca FITUC a obra Leve, a nada entre as mans, e para irmandarse co grupo de teatro universitaria de Ben M´sik, organizador deste evento. Un estreitamento de lazos co que a aula ourensá agarda abrir novas oportunidades e novos mercados para o mellor teatro que se realiza na Universidade de Vigo.

Segundo explica Fernando Dacosta, responsable da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, os vínculos co Festival FITUC remóntanse a 2003 e 2004, cando o grupo do campus de Ourense acudiu a representar as súas obras en Casabranca. Froito dos contactos establecidos entón, na celebración en abril de 2011 da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense Abdellah Chakiri, director do FITUC, convidou á aula ourensá a achegarse ata Marrocos e estreitar lazos irmandándose. Un acontecemento que finalmente sucedeu o pasado 3 de setembro no marco do festival e contando coa presenza dos responsables das dúas aulas e das entidades académicas ás que pertencen. Por parte de Ourense estivo presente a vicerreitora do campus, María Lameiras, que salientou a importancia deste acto para dar un paso máis na apertura da MITEU e do teatro universitario ao espazo internacional.

Ampliando contactos

“A participación no FITUC foi unha experiencia extraordinaria para todo o equipo, estamos moi satisfeitos do seu resultado”, salienta Dacosta. O director da MITEU explica que os ourensáns representaron con moito éxito de público Leve, a nada entre as mans, adaptada para a ocasión coa incorporación dun actor de orixe marroquí residente en Ourense que permitiu aos espectadores seguir o decorrer da representación. Ademais desta actuación, tivo lugar o acto de irmandamento das dúas entidades, que agora se procederá a concretar e a formalizar.

Alén do intercambio de información e de grupos entre as dúas aulas e festivais, Fernando Dacosta salienta a importancia de que “se trata do primeiro irmandamento da nosa aula, que pode traer consigo máis estreitamentos de lazos con outras entidades foráneas”. Neste senso, destaca que Aula de Teatro Universitaria de Ourense poderá beneficiarse dos contactos e prestixio do FITUC no mundo árabe e África o FITUC poderá beneficiarse das boas relacións e contactos que teñen os ourensáns con compañías e festivais europeos e iberoamericanos.

A pesares da crise

“Este irmandamento é como a transición entre o curso que rematou e o que agora comeza, no que, a pesares da crise manteremos as liñas de traballo que vimos desenvolvendo nos últimos anos”, destaca Dacosta. Estas liñas contemplan a posta en marcha desde finais de outubro dos tres niveis de formación con cadanseu grupo, que son Rosaura, Cordelia e Mariacastaña, e un grupo de teatro infantil. As citas de referencia volverán a ser de novo a MITEU e a MOTI, que cada ano enchen a cidade de Ourense do mellor teatro universitario e infantil respectivamente.