DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto de investigación de Sonitum atraeu a numerosos voluntarios

Entre a tecnoloxía e arte, atópase a mellor zanfona

O grupo perfecciona así a metodoloxía que determina a calidade dos sons

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/07/2011

É a zanfona, pero podería ser calquera outro son, como o dunha lavadora ou o dun motor dun coche, pero a idea é buscar a calidade do son, o máis adecuado para cada caso, o que transmita as sensacións óptimas, o que responda ás expectativas do que escoita. Nesta busca da calidade traballa o grupo Sonitum con este proxecto de investigación no que estudan as características do son das zanfonas para o que durante toda a semana pasada contaron con voluntarios para facer test auditivos.

Arredor de 20 persoas acudiron á chamada do grupo de investigación para escoitar seis zanfonas gravadas por Anxo Pintos, de Berrogüetto, na cámara semianecoica do Laboratorio de Acústica e dar a súa opinión, “sempre subxectiva claro”, como explica o investigador Antonio Pena. A idea é cotexar os resultados dos test cos datos científicos obxectivos que o grupo obtivo na gravación no estudo poñendo en relación as percepcións dos ouvintes cos datos obxectivos como os agudos, os graves, a limpeza do son... Perfeccionan así a metodoloxía que emprega Sonitum neste tipo de proxectos e os resultados obtidos neste traballo serán empregados para a elaboración dun proxecto fin de carreira e deixan aberta a posibilidade de seguir explorando estes camiños con outros instrumentos tradicionais.

Unha mostra variada de voluntarios

Músicos, luthiers e afeccionados ao folk, o perfil dos voluntarios que acudiron ao laboratorio é moi variado e o interese espertado serviulles aos investigadores para poder crear un grupo para o test con persoas tanto coñecedoras do instrumento como non, acadando así resultados amplos. Cada un dos voluntarios enfrontouse a un test con sons aleatorios da gravación das seis zanfonas, de xeito que cada test é diferente ao anterior, e debía responder cal deles lle resultada por exemplo máis brillante e cal lle gustaba máis respectando o anominato. A proba de entre 20 e 30 minutos comprendía dous tipos de son, pezas musicais e notas sostidas, que podían escoitar tantas veces como quixeran. “Cotexando as respostas, podemos establecer relación entre as preferencias dos ouvintes e as características obxectivas de cada zanfona”, explican Pena e o investigador David Santos. “Preguntamos por características moi subxectivas pero buscamos a correspondencia con parámetros como a harmonía, os graves, os agudos, etc.”, xa que todo isto permite determinar a calidade do son.

As zanfonas galegas, unhas cedidas pola Escola de Artes e Oficios de Vigo e outras do propio Anxo Pintos, son un dos instrumentos musicais tradicionais máis complexos, xa que cada unha ten variacións de son respecto ás outras e son por iso óptimas para este tipo de estudos.

Sobre as aplicacións, os investigadores explican que son múltiples, servindo tanto para a construción dos instrumentos aos luthiers como para mellorar os sistemas metodolóxicos dos enxeñeiros. Este tipo de traballos realízanse para procurar o son máis agradable, por exemplo, que fan as portas dos coches ao pechar, xa que o primeiro son que se percibe do vehículo antes de compralo. Pero toda esa subxectividade pode traducirse en datos grazas a metodoloxías e traballos como o desenvolto polo grupo Sonitum, que agarda ter un informe inicial en setembro, tralo tratamento estatístico dos datos.

Colaboracións anteriores

Para Sonitum este non é o primeiro achegamento á música tradicional. Paralelamente a este proxecto teñen outro en marcha en colaboración co obradoiro Seivane na testar novos materiais para a fabricación das gaitas galegas. Pero coas zanfonas xa fixeran unha primeira quenda de test cos propios alumnos da Escola de Artes e Oficios e, con anterioridade, xa tiñan traballado con violas d’amore. Agora estudan volver a realizan outra quenda de audicións á volta do verán para obter máis datos sobre a percepción que os ouvintes teñen do son das zanfonas.