DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira actividade impulsada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade

A tecnoloxía é feminina

Tres investigadoras animan ás nenas a formarse nas TIC a través dun vídeo en redes sociais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • TIC
  • Institucional
DUVI 25/04/2019

As docentes e investigadoras Yolanda Blanco, do Departamento de Enxeñaría Telemática; Alma Gómez, do Departamento de Informática e Beatriz Legerén, do Departamento Comunicación Audiovisual e Publicidade son tres exemplos de mulleres destacas no eido das TIC. Por iso, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo quere poñer en valor as súas experiencias para animar ás nenas a formarse no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. 

Para lograr este obxectivo, e  coincidindo coa conmemoración hoxe xoves do Día Internacional das Nenas nas TIC, estase a difundir a través das recentemente creadas redes sociais da UCC+i baixo o cancelo #euinvesTICgo un vídeo divulgativo no que Yolanda Blanco, Alma Gómez e Beatriz Legerén expoñen a súa paixón polo que fan explicando os beneficios de traballar neste ámbito. Elas foron nenas que apostaron polas TIC e a UCC+i da Universidade quere poñer en valor o seu traballo destacando que a tecnoloxía é feminina e mostrando o seu compromiso con ela e con elas. Cada una das tres docentes explica nesta peza audiovisual porque o eido das TIC é relevante para o avance social e científico e por que precisa dunha compoñente feminina. Por exemplo, Yolanda Blanco lembra que “a tecnoloxía é un campo aberto en evolución constante”, mentres que Beatriz Legerén convida ás nenas a estudar neste ámbito “para poder comprender mellor o mundo”. Alma Gómez engade que, aínda que moitas veces non teñan a visibilidade que merecen, no campo da tecnoloxía houbo mulleres que desenvolveron papeis moi relevantes, como Ada Lovelace, “a primeira programadora da historia”.

Primeiras accións da UCC+i

Con esta campaña, a UCC+i da Universidade de Vigo inaugura as súas redes sociais (YouTube, Facebook, Instagram, LinkedIn e Twitter) e arranca un plan anual de actividades baixo o título de Unha Cuestión de Ciencia.

A UCC+i, que depende da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación, foi creada o pasado mes de novembro de 2018 co fin de mellorar a formación, a cultura e os coñecementos científicos da cidadanía, converténdose nun axente fundamental na difusión e divulgación da ciencia e innovación da Universidade de Vigo. Para iso, dende este servizo estase tamén impulsando o ciclo Conversa sobre cambio climático en colaboración coas vicerreitorías de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e Investigación. O obxectivo destas conferencias é analizar, con carácter divulgativo e dende un punto de vista científico, as causas, efectos e implicacións do quentamento global e o cambio climático. Esta tarde haberá unha nova cita no Museo Marco de Vigo a partir das 17.00 horas na que a especialista en oceanografía física, enerxía eólica e cambio climático, María Teresa de Castro, debaterá sobre as alteracións climáticas e o quecemento dos océanos.