DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Julia Armesto desenvolve unha metodoloxía para empregar o Lidar nestes traballos

Tecnoloxía láser para revolucionar os inventarios forestais

Permitiría obter en menos tempo unha maior cantidade de información “fiable e revisable”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 28/09/2016

Dada a súa fiabilidade e produtividade, os sistemas LiDAR (Light Detection and Ranging), en concreto os láser escáner terrestre, poderían converterse nunha peza clave na modernización dos traballos de inventariado de masas forestais. Esta é a hipótese de partida da liña de investigación aberta pola profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Julia Armesto, que traballa no desenvolvemento dunha metodoloxía operacional que permita adecuar os protocolos de medición con tecnoloxía láser á caracterización con fins de inventariado das parcelas forestais, empregando unha serie de estacións terrestres coas que obter unha nube de millóns de puntos que, “fusionados nun sistema de coordenadas común, permítennos caracterizar todos os elementos” presentes na superficie analizada, recollendo así información da altura, o diámetro ou a masa das súas árbores.

“As melloras instrumentais desenvolvidas nos últimos anos fannos pensar no láser escáner 3d como unha alternativa eficiente e eficaz para estes traballos”, sinala Armesto, integrante do grupo de investigación CI5, do estudo que desenvolve no marco dun proxecto de transferencia coa empresa Geométrica, coa colaboración doutros investigadores da EE Forestal como Juan Picos. A definición dunha “metodoloxía operacional óptima para minimizar o tempo do traballo de campo” e ao mesmo tempo obter, coa maior fiabilidade posible, “as variables características das masas forestais” constitúe nese senso o eixo da primeira fase deste proxecto, tendo en conta a “casuística diferente” que implica a medición deste tipo de superficies con respecto a, por exemplo, o emprego do láser escáner para a medición de elementos inmóbiles como edificios. “Nunha contorna forestal, tes elementos todo o teu redor que che impiden visualizar o que hai detrás”, o que impediría, por exemplo, o emprego de sistemas aéreos, e obriga, como sinala á investigadora, ao uso de varias estacións láser en puntos estratéxicos da superficie co obxectivo de caracterizar toda a parcela.

Máis produtivo e máis fiable

Aínda que nos países nórdicos “xa está máis introducida”, esta tecnoloxía continúa a ser unha gran descoñecida no sector forestal galego, a pesares de que, sinala Armesto, “é moito máis rápida que os métodos tradicionais", baseados no uso de forcípulas e hipsómetros, e ao mesmo tempo, máis produtiva, “xa que obtés unha maior cantidade de información, obxectiva, contrastable e revisable en todo momento”.

De feito, “algo que observamos na comparación cos métodos tradicionais é que coa observación cun hipsómetro téndese a sobreestimar a altura”, algo que non se produce co uso destas estacións, xa que as nubes de puntos xeradas permiten analizar a copa na súa totalidade. Do mesmo xeito, as probas realizadas amosaron “unhas correlacións superiores ao 80%” entre as medicións de diámetros realizadas con láser e coa forcípula", ao que se suma o feito de que o Lidar permite facer “unha caracterización completa de todo o fuste”, e coñecer coa árbore en pé as variacións de diámetro do seu tronco desde a base ata a copa, para obter así “unha cubicación máis consistente do volume de madeira”.

Do traballo en campo ao procesado no ordenador

A definición dunha metodoloxía de traballo de campo que determine parámetros como o número de estacionamentos necesarios, a resolución óptima para realizar unha medición completa “optimizando o tempo” de traballo no terreo e a precisión da medición é o eixo do estudo que nos últimos meses levou a Armesto a realizar probas sobre o terreo nunha parcela de Ence no monte Aboal, en Mondariz, nos montes de Bragança (Portugal) e no Seixo, en Marín. Do mesmo xeito, co propósito de contrastar a fiabilidade destas medicións, realizouse recentemente unha medición nunha parcela na que se vai proceder a unha corta de árbores, o que permitirá contrastar os datos de masa forestal obtidos mediante LiDAR cos logrados medindo os pés das árbores despois da súa talla.

Ao mesmo tempo, o estudo abrangue tamén o desenvolvemento dunha metodoloxía de procesamento dos datos que estas estacións rexistran nunha tarxeta de memoria, co propósito de analizar “como rexistrar e filtrar todas esas nubes de puntos para obter unha métrica dos diferentes elementos”. Nese senso, Armesto sinala que se trata dunha “liña de traballo aberta e que, en función dos resultados que vaiamos tendo e dos retos que nos vaiamos poñendo, pódese complicar ata o infinito”. Con esa idea, a investigadora apunta xa como un reto a longo prazo, que “unha vez teñamos definido un protocolo adecuado, poidamos desenvolver unhas rutinas de software que automaticen” este procesado de datos.