DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolleu unha recepción ás alumnas de Esdemga gañadoras do concurso ‘Talento y Co’

Tempo de recoñecer “a unha das mellores escolas de moda de España”

O reitor avogou por unha reflexión previa á implantación de graos de tres anos “para atopar o mellor

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 10/02/2015

Hai poucos días, un grupo de alumnas e tituladas dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) lograba o primeiro premio na Competición Nacional de Escolas de Moda Talento & Co, promovida pola plataforma Trendipia coa colaboración de Inditex. Tratábase dun certame dotado dun premio de 50.000 euros, á que concorreron os principais centros de formación en moda de todo o Estado, “o que quere dicir que Esdemga está xa entre as mellores escolas de España”, como salientou o reitor, Salustiano Mato, na recepción que nesta xornada se lle brindou a este grupo de alumnas na Casa das Campás. Xunto ao vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e á directora de Esdemga, Lola Dopico, Mato destacou neste acto o orgullo que sinte a Universidade polo éxito acadado, ao tempo que tamén avogaba por promover unha reflexión “con calma e sentido común” como paso previo á implantación do novo decreto de ordenación dos estudos universitarios aprobado polo Goberno central e destacaba o coñecemento que posúe do sistema universitario galego o novo conselleiro do ramo, Román Rodríguez.

Paula Sobrino, Tatiana Rico e Raquel Chapela, tres das representantes do grupo que hai uns días se facía con este premio, recibiron os parabéns das autoridades académicas nun acto que pecharon facendo entrega ao reitor do trofeo que obtiveron grazas á súa colección Human 2.0. “Este premio demostra que temos talento para distinguirnos, que Esdemga forma a xente con capacidade de facer futuro no mundo da moda, en España e no mundo”, salientou o reitor respecto dun galardón que, por outra banda, “supón un importante exemplo dun camiño no que cada vez están máis implicadas todas as facultades”, o de desenvolver “proxectos que impliquen ao alumnado en traballos que os achegan ao mundo real, que os converten en auténticos profesionais ao mesmo tempo que se forman”. Do mesmo xeito, Corbacho incidiu tamén no orgullo que supón para a institución un galardón “non só pon no mapa á Universidade e ao campus, senón tamén á propia cidade”.

A recompensa a meses de moito traballo

Competir en Talento & Co foi para Esdemga “unha experiencia moi interesante e moi esixente, tanto para as estudantes como para a propia escola”, recoñeceu Lola Dopico. Non en van, implicaba desenvolver desde cero “un proxecto de moda por completo”, no que non só se definise unha colección, senón tamén unha marca ou un espazo de venda. “Para nós supuxo un grande esforzo poder chegar ata aquí, só con ter podido chegar á final xa estabamos máis que satisfeitas e a cousa non puido acabar mellor”, engadía Paula Sobrino, unha das integrantes dun grupo que ademais das alumnas presentes no acto, completaban as tituladas Carlota Pérez e Pilar Ullod.

“As estudantes tiveron que implicarse dun xeito tremendo e o proxecto esixiu tamén dunha participación importante da escola, ao tempo que tamén tivemos que buscar socios e cómplices”, engadía Dopico, que agradeceu a colaboración prestada a esta iniciativa pola empresa Blusens, cuxa achega, xunto coa do deseñador industrial David Dopazo, permitiu completar unha das “grandes apostas deste equipo, a de introducir a innovación dentro do contexto da moda”. Grazas á súa colaboración, a serie de complementos que estas alumnas deseñaron para completar a súa colección puido incluír unha mochila, “cun deseño moi artesanal”, pero dotada unha serie de elementos tecnolóxicos que permitían que servise tamén para cargar o móbil ou para avisar cando se recibise unha chamada. “A innovación é algo que tivemos presente desde o primeiro momento”, subliñou Raquel Chapela, que ao igual que as súas compañeiras, agarda con expectación o que será o epílogo a estes meses de traballo, o deseño dunha colección cápsula con algunha das súas prendas, que será comercializada a través do portal de Trendipia.

Calma para acometer reformas e a benvida ao novo conselleiro

“Esdemga é unha peza fundamental na nosa oferta académica, que ademais harmoniza claramente coa senda cara a especialización que estamos iniciando co Campus Crea, coa que un campus que xa é coñecido pola súa singularidade dará un salto cualitativo”, salientou neste acto o reitor, no que, tamén mirando cara o futuro, abordou o decreto recentemente aprobado polo Goberno central para permitir a implantación de graos de tres anos e mestrados de dous. A este respecto, Mato criticou que o Goberno central “fuxise dunha das poucas competencias que ten no sistema universitario, como é a definición e estrutura dos estudos”, ao deixar aberta a posibilidade de que sexa cada universidade a que decida a duración dos estudos, o que motivou a moratoria ata o curso 2017-2018 acordada pola Conferencia de Reitores de Universidades Españolas. “A CRUE asume esas competencias para darlle unha coherencia ao sistema universitario, para que exista unha certa racionalidade”, salientou Mato, que avogou pola “pausa, a análise e o sentido común” fronte ao “desleixo” do Goberno nas súas competencias. Deste xeito, concluíu, poderase atopar “o mellor modelo en xeral e o mellor para cada titulación”, decisións que se adoptarán de forma coordinada “e sempre pensando en que é o mellor para os estudantes e as familias”.

A preguntas dos xornalistas, Mato tamén abordou o nomeamento, esta mañá, do novo conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, unha persoa que, como lembrou, “coñece ben este mundo e iso é un bo sinal para comezar”. Non en van, ademais de profesor da USC, Rodríguez foi ata o seu nomeamento o presidente da Comisión de Educación do Parlamento de Galicia, motivo polo que o reitor incidiu en que se trata dunha "persoa que sabe como funciona o sistema universitario galego, e esperemos que iso sexa positivo para todos os retos que temos por diante”.

Así mesmo, e xa na súa calidade de catedrático de Zooloxía, Mato foi preguntado pola planta de compostaxe proxectada polo Concello de Pontevedra. Un proxecto do que non quixo opinar de xeito concreto, “ao non coñecer as súas características”, non sen antes incidir en que “no tema dos residuos, ao ser algo que causa un rexeitamento, é fundamental explicar as cousas moi ben aos cidadáns, xa que non hai nada malo nunha xestión razoable dos residuos” e apuntar que “case todos os problemas” vinculados a unha infraestrutura deste tipo “están vencellados a unha mala xestión”.