DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Historia acolleu unha reunión da Asociación de Xeógrafos Españois centrada neste tema

É tempo de repensar a xeografía das cidades

Antonio Campesino chamou a atención sobre a necesidade de aproveitar a crise para mudar a situación

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 11/07/2012
Durante o apoxeo da burbulla inmobiliaria e do crecemento socioeconómico a xeografía das cidades españolas sufriu grandes cambios, en moitas ocasións baseados na improvisación e na falta dunha reflexión previa seria e serena. Coa burbulla estourada e co crecemento detido, para os xeógrafos humanos agora é o momento idóneo para, sen as presións, buscar o modelo de cidade axeitado en cada caso e comezar a sentar as bases para acadalo. Para afondar neste eido, a Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este mércores unha reunión científica da Asociación de Xeógrafos Españois centrada nesta problemática.

A sesión que tivo lugar en Ourense enmárcase dentro do Congreso de Xeografía Urbana da Asociación de Xeógrafos Españois AGE, que itinera esta semana por varias cidades galegas e do Norte de Portugal. Nesta ocasión, deron a benvida á trintena de participantes, procedentes de diferentes puntos da xeografía española, María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, e Rubén Lois González, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela. “É unha honra que escollésedes o noso campus para celebrar unha das sesións da AGE e para debater sobre algo tan relevante como é reflexionar sobre como debemos ou queremos organizar, de xeito urbanísito, a nosa xeografía para sentirnos a gusto onde vivimos”, apuntou María Lameiras. A esta benvida, Beatriz Comendador quixo engadir a oportunidade que ofrece este encontro para amosar a faciana máis dinámica do traballo que se realiza na área das humanidades, neste caso no eido da xeografía.

O congreso, explicou Rubén Lois durante a inauguración da sesión, destaca polo seu carácter itinerante, pois cada día se celebra nunha localización diferentes de Galicia e do Norte de Portugal, pasando por Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Viana do Castelo e Porto e destacando a inclusión neste percorrido de cidades pequenas e medianas como corresponde á temática da cita. Precisamente para comezar o programa científico, Antonio Campesino, catedrático da Universidade de Estremadura que leva máis de tres décadas investigando no eido da xeografía das cidades pequenas e medias e dos núcleos fronteirizos, foi o encargado de pronunciar unha conferencia ante os seus colegas de profesión.

As oportunidades da crise

O xeógrafo, facendo unha actualización do tema da súa tese de doutoramento, afondou na cuestión da ordenación e “desgoberno” dos centros e das periferias urbanas nas últimas décadas, concretamente no período democrático e usando como referente o caso concreto da cidade de Cuenca. “En tempos de crise coma os actuais é tempo de repensar a cidade, é o momento de reflexionar o que antes non se fixo”, advertiu o catedrático. Para facer esta reflexión, Campesino chamou a atención sobre a importancia de “ter memoria urbana” e ver con carácter retrospectivo o que pasou en España nas últimas décadas.

Tendo en conta este contexto, o relator escolleu como un exemplo significativo das cidades medianas, as cidades "humanas”, o caso de Cuenca. Declarada patrimonio da humanidade, o enclave tivo xa dous plans xerais de ordenación urbana que tardaron anos en deseñarse e aprobarse e padece un crecemento demográfico negativo que non ten expectativas de mudar. Unha situación que se pode ver como unha crise pero tamén como unha oportunidade de reorientar o seu urbanismo, tanto no centro como na periferia, segundo apuntou este experto.