DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A rotura do dique que protexe o edificio provocou a inundación das instalacións de Toralla

O temporal provoca graves danos na Estación das Ciencias Mariñas

O reitor, Salustiano Mato, visitou as instalacións para comprobar os desperfectos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 17/02/2011
O intenso temporal de choiva e vento rexistrado esta madrugada provocou graves danos na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla. En plena marea alta, a forte intensidade das ondas de ata 9 metros que se produciron arredor das dúas da madrugada provocaron o desprendemento das pedras do dique que protexía o edificio que, literalmente, “saíron voando”, tal e como explicou o director da ECIMAT, Ricardo Beiras, que cualificou os danos como “moi graves”.

Paredes cara ao mar da planta baixa reventadas e equipamentos destruídos, sala de bombas inundada, afectando ao sistema eléctrico e de bombeo e unha sección do pantalán arrancanda, conforman un primeiro balance de desperfectos. Refachos de vento de ata 100 quilómetros por hora xunto coa oleaxe e a marea alta levantaron rochas de ata 50 quilos que acabaron arrancando un tramo enteiro dun robusto pantalán de aluminio e rompendo a cristaleira baixa da ECIMAT. "Son cristais triples cunhas altas condicións de seguridade capaces de aguantar ventos de ata 200 quilómetros por hora. Pero a caída das rochas foi como darlle un martelazo de varias toneladas. É un exemplo gráfico do poder do mar", explicou o reitor Salustiano Mato durante a visita ás instalacións para coñecer de primeira man os danos provocados polo temporal.

Balance de danos

Os estragos causados por este desprendemento afectan sobre todo á planta baixa do edificio, onde a rotura das paredes acristaladas provocou a inundación de toda a parte inferior das instalacións, con ata medio metro de auga, e a caída do sistema eléctrico, polo que todo os aparellos de bombeo de auga empregados nos diferentes experimentos que se estaban a levar a cabo na ECIMAT resultaron danados. Tal como lembrou Beiras, o centro está dotado dun sistema de alarma que fai que, ante un fallo eléctrico, un segundo sistema proporcione osíxeno aos tanques, “o que permite manter con vida aos diferentes organismos que estamos a empregar nos diferentes proxectos”, explicou o director, que fixo fincapé en que nesta ocasión, o sistema resultou insuficiente xa que a súa autonomía se limita a dúas horas.

Tras pasar boa parte da noite achicando auga, ao longo de toda a mañá os esforzos do persoal da ECIMAT centráronse en transportar todos os experimentos que se puideron á planta alta, “onde si hai luz”, explicou Ricardo Beiras, ao tempo que subliñou que, dependendo da evolución das condicións climatolóxicas e da propia marea, nun primeiro momento non descartou a posibilidade de ter que evacuar o centro por motivos de seguridade. "Son meses de traballo perdidos que afectan aos 12 grupos de investigación da Estación, danos intanxibles que non paga ninguén, nin o seguro nin todos os fondos que adiquemos á recuperación do centro", lamentou Mato. Un motor funcionando a pleno rendemento cunha bomba manterá en marcha de xeito temporal a ECIMAT ata cambiar todo o danado e poder estar "ao cento por cento mañá mesmo ou o luns".

Sen contar polo momento cunha valoración detallada dos desperfectos ocasionados, dende a dirección da ECIMAT, salientaron que se trata de danos “moi graves”, tanto nas propias instalacións como nos proxectos de investigación que se están a levar a cabo. “Hai experimentos que se interromperon e que xa non se van poder recuperar mentres que outros co traslado agardo que si poidan continuar”, subliñou Beiras, que explicou que o centro conta con circuítos climatizados de circulación de auga que permiten facer experimentos “nos que os organismos se manteñen a unha temperatura fixa e, se isto, se modifica perde a súa validez”.

Os danos causados polo temporal na ECIMAT tamén foron cualificados como “importantes” por parte da Unidade Técnica, que esta mesma mañá realizou xa unha primeira valoración das instalacións. “De momento non podemos facer unha estimación económica dos danos, xa que iso vai levar máis tempo, pero os desperfectos son graves”, subliñou o director do Departamento de Obras, Instalacións e Infraestruturas, Hector Álvarez, que destacou, sobre todo, o alto custo dos equipos afectados, “de momento non sabemos cantos se poderán recuperar e cantos haberá que cambiar”, engadiu.

Laboratorios con tecnoloxía punteira

A Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, ECIMAT, é un edificio modular, flexible e funcional que pon a disposición da comunidade universitaria e de outras institucións públicas ou privadas as instalación axeitadas para o traballo con auga de mar e cultivos mariños, tanto a escala experimental como da planta piloto.
Cun custo de execución de 2.100.000 euros no edificio e de 361.000 euros no dique, a ECIMAT cunha superficie de 24.500 metros cadrados, inaugurouse o 16 de xuño de 2006 e, dende entón, converteuse na infraestrutura na que a Universidade centraliza a maior parte da investigación en temas mariños.

Con servizos xerais como un pantalán de baixo calado, o centro conta con laboratorios húmidos nas plantas altas, mentres que nas baixas, onde se produciron as inundacións, hai instalacións de mergullo, laboratorios de procesado de mostraxes e lugares comúns. Baixo cubertas de aluminio, os módulos simulan ondas do mar, co que o edificio se integra na paisaxe, servindo de contrapunto a outras construcións existentes.
O centro divídese en tres unidades específicas dedicadas aos cultivos, ao medio mariño e a actividades subacuáticas, polo que os investigadores que desenvolvan o seu traballo neste centro poden beneficiarse do uso de auga mariña en diferentes estados de pureza e de temperatura.