DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxico conta con Luque, un Labrador Retriever, para as sesións

Unha terapia canina de caricias e agarimos

Vigo é unha universidade pioneira en Europa no uso deste tipo de tratamento con cans

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 31/10/2012
No Edificio Miralles, de cando en vez, óese o ladrido de Luque, un Labrador Retriever negro que agora comparte espazo cos traballadores e traballadoras e emocións e cariño cos usuarios do Gabinete Psicopedagóxico. Esta iniciativa posta en marcha co comezo do curso por Rocío Iglesias, a responsable do servizo, converte a Vigo nunha universidade pioneira en Europa na realización de terapia asistida con cans para axudar ao estudantado. Entre outras moitas cousas, Luque axuda a sorrir, e arrincar sentimentos e afecto aos alumnos e alumnas que acoden ao Gabinete Psicopedagóxico, doutro xeito moi difíciles de ver. Rocío Iglesias explica que "Luque conseguiu que os estudantes sorrían, se sintan máis motivados e teñan a necesidade do seu contacto dun xeito espontáneo”.

Luque é un cachorro, ten pouco máis de oito meses e como tal xoga, enreda e chama atención, pero a súa preparación é unha das mellores coas que pode contar un can. Foi seleccionado na Fundación Once do Can Guía de Madrid, onde naceu e tivo unha educación e preparación moi laboriosa. “Aos dous meses xa empezou o seu adestramento e a día de hoxe adestramos cada día un par de horas para seguir formándoo e non esquecer o que xa ten aprendido”, indica a psicopedagoga. No tempo que leva en Vigo, e “grazas ao seu magnífico carácter, educación e preparación” os resultados están a ser “fantásticos, o que nos leva á necesidade de continuar con este tipo de experiencias”, puntualiza.

Os beneficios da terapia asistida con animais

A Terapia Asistida con Cans, TAP, é unha modalidade de tratamento terapéutico no que un can forma parte integral do proceso e está dirixido por un profesional da educación ou da saúde, que marca os obxectivos do tratamento. Estes obxectivos, segundo indica Iglesias, poden abranguer aspectos físicos -melloras en habilidades motoras finas e grosas, mellora da mobilidade e equilibrio-; no ámbito de saúde mental -aumenta interaccións verbais, aumenta a capacidade de atención e concentración, autoestima, reduce a sensación de soidade; a nivel educativo -axuda a mellorar o vocabulario, a memoria, mellora conceptos como tamaño, cor...; a nivel motivacional -mellora o desexo de participar en actividades grupais, mellora as interaccións cos demais e aumenta o exercicio-. A nivel psicolóxico, poden servir como elemento de contacto coa realidade por exemplo en casos de alzhéimer, melloran o estado de ánimo, axudan coa depresión, é un estímulo social xa que propician a conversación e é ademais dun entretemento un estímulo mental que enche de alegría e ilusión o ambiente. "Soamente con acariciar a Luque pode ser eficaz para aliviar o estrés e baixar a presión sanguínea, en persoas con limitacións físicas, sérvelles de estímulo para a súa rehabilitación, é como unha medicina preventiva xa que o afecto e coidado promoven a saúde" exemplifica.

Aínda que non traballa con todos os estudantes, si o fai nalgúns casos en que as intervencións están dirixidas a obxectivos concretos e forman parte integral dun proceso rehabilitador mediante a intervención animal-estudante. A psicopedagoga fixa os obxectivos, guía a interacción entre animal e usuario e leva unha avaliación en todo o proceso, medindo ata o máis mínimo progreso. Tras as primeiras sesións, Rocío Iglesias confirma que “o alumnado quere repetir, que Luque acepta as persoas incondicionalmente, que non xulga e que para el sempre todo o mundo é ben recibido”.