DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preséntase a reedición do libro 'Hidrología Médica de Galicia', de Nicolás Taboada Leal (1877)

O termalismo afonda nas súas raíces para deseñar o seu futuro

No marco da celebración do curso Termalismo no Espazo Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/07/2011
Para avanzar en calquera eido un dos pasos previos é coñecer o seu pasado. No futuro do turismo en Galicia o termalismo está chamado a xogar un papel destacado. Tendo en conta estes dous factores, o curso de extensión universitaria Termalismo no Espazo Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal comezou este martes en Carballiño presentando a reedición do libro Hidrología Médica de Galicia, de Nicolás Taboada Leal (1877). Un documento de referencia histórica no termalismo galego que co desenvolvemento deste sector volve a coller actualidade. Coa súa presentación arranca unha semana na que expertos do eido científico, médico e da xestión afondarán sobre as oportunidades das augas mineromedicinais.

A presentación do libro e do curso tivo lugar no Centro Comarcal do Carballiño e contou coa participación de José Luis Legido, profesor da Universidade de Vigo e director do curso de extensión universitaria xunto a Avelino Muleiro, presidente del Centro de Estudos Carballiñeses, e Luis Rodríguez Míguez, profesor, membro da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e prologuista do libro reeditado. Tamén estiveron, Rosa Meijide, da Universidade da Coruña; e autoridades do Concello de Carballiño, como son o seu alcalde, Argimiro Marnotes.

No prólogo da publicación, Míguez salienta que “pensando en Galicia e desde Galicia, valoramos moi positivamente a publicación, en edición facsímile, da clásica obra de Nicolás Taboada Leal, Hidrología Médica de Galicia, ou o que é o mesmo Noticia de la Aguas Minero-Medicinales de las Cuatro Provincias”. Nada mellor que “o Taboada Leal”, destaca o prologuista, para dar pé a, no comezo do século XXI, afondar no estudo descritivo das augas mineromedicinais, “pois non en van a ciencia é a sistematización da curiosidade, a explicación da natureza”.

O curso Termalismo no Espazo Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, que celebra este ano a súa 11ª edición, conta con 25 alumnos e desenvólvese esta semana no Centro Comarcal de O Carballiño e en varios balnearios galegos e portugueses. Conta cun amplo panel de expertos do eido científico, médico e da xestión para afondar no termalismo, na situación actual das augas mineromedicinais en Galicia, das súas instalacións e do seu futuro. Entre os relatores están Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias de Ourense; Lourdes Mourelle, investigadora da Universidade de Vigo; e directores médicos de balnearios galegos e lusos, como son os de Chaves e o Grupo Caldaria. Ademais de escoitar as conferencias que se impartirán os inscritos participarán en sesións prácticas nestes centros.