DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira colaboración directa entre Universidade e Concello no marco do Campus da Auga

Termalismo visto dende todos os prismas

As xornadas reúnen profesionais do sector de España e Colombia na procura dunha estandarización de c

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 01/12/2014
Catro millóns de litros de auga quente manan cada día das fontes e pozas de Ourense, converténdoa na segunda cidade de Europa en riqueza termal tan só por detrás de Budapest. Auga bicarbonatada, fluorada, litínica e sulfurada que agroma cunha temperatura media de 45 graos e que se converte dende este luns ata o vindeiro 5 de decembro no eixo ideal para as xornadas Termalismo: patrimonio, turismo, saúde e benestar, “un curso de alto nivel formativo co que achegarse a este sector dende diferentes puntos de vista, económico, histórico, patrimonial...”. Así describía o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, estas xeiras, primeira colaboración directa entre Universidade de Vigo e Concello de Ourense no marco do Campus da Auga e primeiro paso da institución para “colaborar con outros organismos que teñan o termalismo no seu plan estratéxico”.

Aínda que aberto a aqueles investigadores que estean a traballar en temas de termalismo, estas xornadas están dirixidas especialmente a formadores do Servizo Nacional de Aprendizaxe do Ministerio de Traballo de Colombia e da súa Mesa de Turismo como resposta ao Memorando do Entendemento asinado o pasado mes de maio entre o Concello de Ourense e este país latinoamericano para a cooperación en materia de turismo termal. Impartido por docentes da Universidade de Vigo, durante 40 horas de formación teórica e práctica, os participantes afondarán en aspectos como a xestión económica da auga, as súas aplicacións, o valor cultural, a arquitectura termal... e incluirá visitas guiadas a balnearios, estacións termais e espazos divulgativos como o Centro de Interpretación das Burgas para que vivan de primeira man o modelo “dunha cidade termal, xa que as vilas desenvolven o seu plan estratéxico pensando en quen os visita e nos pensamos nos nosos propios habitantes”, salientou o concelleiro de Termalismo, José Ángel Vázquez Barquero, durante a conferencia inaugural.

Auga quente... e calefacción para o campus

O aproveitamento das augas mineiromedicinais e termais foi o eixo central da primeira xornada na que, por exemplo, o profesor José Ángel Cid expuxo a todos os participantes as súas aplicacións enerxéticas, das que a Universidade de Vigo é beneficiaria. O grupo de investigación Xeotermia e Hidoxeoloxía fixo hai sete anos un estudo nos terreos do campus para tentar atopar anomalías xeotérmicas asociadas á dinámica do río Lonia. Tras análises xeoeléctricos, litolóxicos, de fracturación, radioactividade natural e CO2 no chan detectouse un comportamento térmico anormalmente alto no subchan que foi validado cunha prospección a 135 metros de profundidade que desvelou temperaturas de 26,5 graos.

E aproveitando estas excelentes condicións de transferencia de calor no campus, substituíuse unha bomba de calor de aire do edificio da Unidade Administrativa por unha de calor xeotérmica conectada á perforación feita para o subministro de calefacción e refrixeración. “A instalación continúa funcionando dende entonces e a eficiencia do sistema xeotérmico duplica o rendemento do equipo substituído”, salienta Cid. No 2010 ampliáronse os estudos aos terreos do Edificio Xurídico-Empresarial e descubriuse que había un maior gradente xeotérmico, polo que a escola infantil construída ese mesmo ano xa se abastece de enerxía xeotérmica.

Sinónimo de turismo e saúde

En España existen preto de 100 balnearios que ofertan arredor de 12000 habitacións dentro do que se coñece como termalismo, un paquete turístico diferenciado que aproveita as augas termais para ofrecer un produto adaptado ás necesidades do seu cliente e que é especialmente atractivo de cara a súa explotación “ao ter elevadas estancias medias, unha baixa estacionalidade e ao converterse en verdadeiros dinamizadores da economía local en moitas zonas de interior”. A profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Elisa Alén será a encargada de achegar aos participantes as estratexias de marketing en turismo termal, onde a diversidade de clientela obriga a prestar servizos diferenciados e leva a moitas estacións termais a especializarse por exemplo en tratamentos terapéuticos e terceira idade ou en tratamentos antiestrés e de beleza para públicos máis novos.

Dentro destas dúas bandas de especialización é onde collen especial protagonismo os peloides, axentes terapéuticos termoterápicos constituídos por un compoñente sólido máis ou menos complexo e outro líquido, que poden ser as augas mineiromedicinais. Pola súa acción analxésica e antiinflamatoria pode empregarse para tratamentos reumatolóxicos, alteracións do aparato locomotor ou procesos dermatolóxicos como dermatite ou psoriase. Pero estes axentes teñen tamén unha gran riqueza en oligoelementos e substancias biolóxicas que os converten en instrumentos idóneos para tratamentos de beleza ou para a elaboración de cosméticos, principalmente para usar en peles con dermatite atópica, acné, rosácea... Para a profesora Lourdes Mourelle, “os centros termais teñen unha oportunidade de diferenciarse desenvolvendo os seus propios peloides e cosméticos termais que ademais de ser un valor engadido proporcionan beneficios, non só como marketing, senón tamén pola eficacia demostrada na mellora de determinadas patoloxías, na calidade de vida e no benestar”.