DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Vara analizou a presenza do seu pole na atmosfera da cidade de Ourense

Unha tese afonda na carga alerxénica de freixos, oliveiras e aligustres

O período de estudo abrangue desde o ano 2009 a 2016

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 09/06/2017

Os trastornos de alerxia causados polo pole, explica o investigador Alberto Vara, téñense incrementado en gran medida durante os últimos anos, provocando un notable impacto clínico en toda Europa. Tendo en conta a preocupación por este aumento e polo seu impacto na sociedade, na súa tese de doutoramento este enxeñeiro técnico agrícola afondou no estudo das proteínas alerxénicas máis representativas da familia Oleaceae na atmosfera da cidade de Ourense entre os anos 2009 e 2016. A investigación realizada, sinala o seu responsable, pon de manifesto a necesidade de apostar pola xardinería hipoalerxénica, que persigue o uso de especies con menor capacidade de xerar alerxia.

A tese, titulada Carga alerxénica da familia Oleaceae na atmosfera da cidade de Ourense e factores que inflúen sobre ela, estivo dirixida por Francisco Javier Rodríguez Rajo e María Fernández González e foi presentada recentemente na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Para entender a relevancia de levar a cabo este tipo de estudos, indica o membro do Grupo de Investigación en Aerobioloxía e Apicultura da Universidade de Vigo, hai que ter en conta factores como que as previsións da European Academy of Allergy and Clinical Immunology apuntan a que dentro de 15 anos a metade dos europeos sufrirá algún tipo de alerxia, coas consecuencias que iso reporta á calidade de vida dos afectados e os custes socioeconómicos que xera.

Árbores en auxe ou moi presentes

Na investigación levada a cabo, Alberto Vara centrouse no estudo das proteínas alerxénicas máis representativas da familia Oleaceae, como son o Fraxinus ou freixo, propio de beiras de ríos e lugares frescos; a Olea ou oliveira e o Ligustrum ou aligustre, bastante utilizado en Galicia en parques e xardíns. “Escollemos esta familia porque o freixo é moi abundante en Ourense, o cultivo e uso ornamental da oliveira está en auxe e o aligustre representa o 25% das árbores ornamentais. Ademais o pole das tres é moi parecido e produce reactividade cruzada entre eles, polo que as persoas alérxicas ao pole da oliveira tamén o van a ser ao do freixo e ao do aligustre”, resume o enxeñeiro técnico. Representantes destas familias, engade, están amplamente distribuídos na cidade, formando parte tanto da vexetación natural como ornamental. Para levar a cabo o estudo do contido polínico e alerxénico da atmosfera en relación a estas plantas durante o estudo utilizáronse diferentes tipos de captadores e análises.

No caso do freixo, entre as conclusións recollida na tese están que as concentracións máis elevadas de pole rexístranse durante os meses de xaneiro e febreiro. “Os resultados obtidos amosan que o pole de Fraxinus alcanza no noroeste de España importantes valores se os comparamos con outras zonas do norte de Europa”, sinala o investigador. O inicio da estación polínica atmosférica de Fraxinus, engade Vara Fidalgo, pode adiantarse a finais de decembro cando a temperatura dos meses previos é elevada ou retrasarse ata finais de xaneiro se se rexistran temperaturas mínimas por debaixo de cero graos en decembro e/ou principios de xaneiro. Pola súa banda, detalla, a estación polínica atmosférica da oliveira ten lugar durante os meses de maio e xuño a de Ligustrum en xullo.

O alérxeno da oliveira

Na tese, explica o investigador da Facultade de Ciencias, demostrouse que se pode detectar de forma precisa a presenza na atmosfera de proteínas alerxénicas da familia Oleaceae utilizando anticorpos específicos do antíxeno principal da oliveira, Ole e 1. “Este feito corrobora que este antíxeno é a principal causa da forte reactividade cruzada existente entre os principais tipos polínicos desta familia e explica a sintomatoloxía alérxica sufrida pola poboación sensible ao pole de Olea nos meses de xaneiro e febreiro (debido á polinización de Fraxinus) ou en xullo (debido á polinización de Ligustrum)”, afirma Vara. Deste xeito, engade, “o antíxeno Ole e 1 podería ser utilizado como un biomarcador na diagnose de alerxia para os tres tipos polínicos estudados”. Tendo en conta estes resultados, entre as conclusión xerais do estudo realizado o xa doutor destaca que “os nosos resultados amosan que a combinación da información dos recontos de pole coa cuantificación das proteínas alerxénicas atmosféricas debe ser tida en conta para estimar de maneira fiable a exposición real dos pacientes sensibles aos alérxenos atmosféricos”.

Na investigación desenvolvida tamén se calculou o índice de potencia alerxénica dos tres tipos polínicos, considerando o mesmo como a proporción entre a cantidade de alérxeno e pole rexistrada na atmosfera. “O pole de Ligustrum é o que presentou o maior índice cunha media de 1,994 pg/pole durante os anos de estudo, o pole de Olea rexistrou un valor medio de 0,961 pg/pole mentres que o de Fraxinus presentou un índice de 0,701 pg/pole”, indica o enxeñeiro técnico. O índice para Ligustrum, engade, duplica o dos outros tipos polínicos estudados.

As cantidades cuantificadas de alérxeno de oliveira, Ole e 1, recóllese na tese, “son especialmente destacables tendo en conta as baixas concentracións de pole que se detectan na atmosfera da cidade de Ourense”. Segundo explica o investigador, co fin de determinar a orixe do pole de oliveira e as concentracións do seu alérxeno presentes na atmosfera leváronse a cabo análises que demostraron que as masas de aire procedentes de extensos olivares situados no noreste de Portugal exercen unha elevada incidencia nos picos de concentración, tanto de pole como de alérxeno, na atmosfera da cidade de Ourense.

Respecto á influencia das variables meteorolóxicas, o Alberto Vara salienta como se detectou unha relación entre as concentracións de pole de freixo e o seu alérxeno coa velocidade do vento; un alto grao de asociación positiva entre os recontos diarios de pole Olea e os niveis de alérxeno coa velocidade do vento ou as temperaturas, e negativo coa humidade relativa. Ademais, engade, non se encontraron correlacións altamente significativas entre o pole ou alérxeno de Ligustrum e as variables meteorolóxicas.