DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María Pichel analizou a efectividade dun programa formativo puntual en docentes e escolares

Unha tese constata o potencial da escola para formar en reanimación a gran parte da poboación

Un dos seus estudos foi premiado pola revista 'Anales de pediatría'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/06/2021

A parada cardiorrespiratoria é unha patoloxía cunha elevada incidencia en todo o mundo, ante a que iniciar de forma precoz as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) “pode duplicar e mesmo triplicar as taxas de supervivencia”, segundo destaca a médica María Pichel, que demostrou na súa tese de doutoramento a efectividade de desenvolver nas escolas un programa formativo en soporte vital básico. Esta investigación partía do feito de que, en máis do 70% dos casos, as “paradas cardíacas extrahospitalarias” son presenciadas por familiares e amigos da vítima ou por outras testemuñas, que só “nunha moi baixa porcentaxe de casos” inician as manobras de RCP, o que fai que os índices derivados desta patoloxía “sigan sendo moi elevados”. Isto débese en boa medida a que, en países como España, a formación en RCP “aínda non se estandarizou”, recoñece Pichel, que afondou na súa tese, defendida na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, nos diferentes factores que poden contribuír a mellorar a formación da poboación en reanimación.

Dirixida polo investigador principal do grupo Remoss, Roberto Barcala, a tese Estudio prospectivo de tres modelos de enseñanza en RCP en edad escolar comprendeu tres investigacións que Pichel desenvolveu ao abeiro do proxecto Anxos, un programa de formación en RCP no que participaron máis de 650 nenos e nenas . “Na formación para a reanimación aínda quedan puntos importantes por dilucidar, como quen deben ser os formadores, cal é a metodoloxía a seguir ou a que idade iniciar o seu ensino”, salienta Pichel, na actualidade médica de Urxencias Hospitalarias no Hospital Quirón. Co obxectivo de dar resposta estas cuestións, o grupo Remoss e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da que a investigadora foi médica asistencial, impulsaron o proxecto Anxos, que ao longo de tres anos formou a alumnos e alumnas dos colexios Sagrado Corazón de Pontevedra, Liceo La Paz de A Coruña e Maristas el Pilar de Vigo. 

Premio de Anales de Pediatría

A tese que Pichel López desenvolveu no doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable englobou tres estudos, recollidos á súa vez en publicacións científicas e dirixidos a coñecer tanto se as e os profesores de Educación Física “poderían ser bos docentes en RCP”, como se os escolares “teñen capacidade de aprender e aplicar as ensinanzas transmitidas polo seus mestres de forma efectiva e eficiente”. O primeiro destes estudos, Un primer paso en la enseñanza del soporte vital básico en las escuelas: la formación de los profesores, foi publicado en 2018 na revista Anales de Pediatría e vén de ser premiado como un dos artigos que máis contribuíu nos últimos dous anos ao índice de impacto desta publicación. 

Efectividade dun programa formativo “puntual e sinxelo”

O obxectivo deste primeiro estudo “foi avaliar a capacidade de aprendizaxe de coñecementos teóricos e das habilidades de soporte vital básico” de 80 profesores de Educación Física, dos que 60% eran mulleres. En primeiro termo, a investigación permitiu constatar que as e os docentes “posuían poucos coñecementos” en materia de RCP, pero tamén como melloraban as súas habilidades tras “un programa formativo breve e sinxelo”, consistente nunha sesión teórica de 40 minutos e outra práctica de 80. De feito, tras a formación, a porcentaxe de participantes que realizaba correctamente a secuencia de RCP básica pasou do 1,2% ao 46%, do mesmo xeito que aumentaron tamén “de maneira significativa” as súas porcentaxes nos diferentes parámetros que determinan a calidade das compresións torácicas, que o profesorado era capaz de realizar “cunha calidade comparable á de colectivos do ámbito sanitario e emerxencias”, como destaca Pichel.

Estes docentes foron os responsable de formar á súa vez en RCP aos estudantes de entre 8 e 12 anos que participaron no proxecto Anxos, alumnos de 3º e 5º de primaria e de 1º da ESO. Todos eles recibiron dúas horas de formación en soporte vital básico, unha teórica e outra práctica, despois das que se amosaron capacitados para “pór en marcha a cadea de supervivencia” ante unha posible episodio de parada cardíaca, así como iniciar as compresións torácicas. Non obstante, como recolle o segundo estudo desta tese, a calidade destas manobras depende en boa medida das súas “características antropométricas”, que posiblemente, sinala Pichel, “non lles permitan alcanzar a calidade ideal establecida para esta manobra”. 

Por outra banda, un terceiro estudo analizaba a eficacia de tres programas formativos diferentes, aplicados nos dous anos seguintes á primeira formación, coa idea de “avaliar a capacidade de retención dos procesos aprendidos”. Impartida tamén polo profesorado de Educación Física, un dos grupos recibiu esta formación nunha sesión anual teórica e práctica de 50 minutos, mentres que outro fíxoo en catro sesións prácticas de cinco minutos cada catro meses e o terceiro non recibiu máis formación tras a inicial. Transcorridos os dous anos, realizouse unha avaliación que permitiu comprobar que, tanto os alumnos de 5º de primaria como os de 1º da ESO que practicaron cada catro meses obtiñan “mellores porcentaxes” na execución do soporte vital básico, mentres que no caso de 3º da ESO as melloras déronse nos dous grupos que recibiron formación adicional. 

A escola como punto de partida

Deste xeito, conclúe Pichel, os resultados desta deste amosan “que tras un programa formativo puntual, sinxelo e breve, tanto docentes como alumnos” son capaces de comezar a “secuencia de actuación” ante unha parada cardíaca e realizar as manobras de RCP. Así mesmo, a investigación permite demostrar a efectividade dun “modelo de adestramento profesor-alumno” que faría posible “formar a un gran número de nenos nun corto período de tempo”, de tal xeito que, como sinala a investigadora, “ao longo dos anos” sería posible formar un gran número de persoas “cun baixo custo económico”. De aí que a investigadora poña de relevo que as escolas constitúen o “obxectivo ideal” para conseguir que “porcentaxes elevadas da poboación estean adestradas” en reanimación e tratar así de “mellorar as taxas de supervivencia” tras unha parada cardiorrespiratoria.