DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luis Alexandre Lopes Frazao probou con éxito a súa proposta na vila lusa de Memória

Unha tese deseña un modelo de xestión para redes sen fíos no rural

A ferramenta busca un cobertura máis sinxela, económica e sostible nestas zonas

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 10/01/2018

Na “aldea global” que hoxe é Internet non todas as “aldeas” poden acceder a ela como sería previsible. Deste xeito, sinala Luis Alexandre Lopes Frazão, “a oferta real de Internet non é igual para todos debido á non rendibilidade da implementación destes servizos nas zonas rurais”. Buscando un avance neste eido, este investigador desenvolveu na súa tese de doutoramento un modelo de xestión para redes sen fíos en áreas rurais que foi probado con éxito na vila lusa de Memória.

A tese, titulada Sistema intelixente para a xestión de redes sen fíos de banda ancha en ambientes rurais, foi presentada na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, sendo os titores Silvana Gómez e António Pereira. “O obxectivo principal desta tese foi identificar os requisitos para administrar e monitorizar unha rede sen fíos de área rural e crear un modelo de xestión que apoie a administración desta rede o máis fácil, económico e sostible posible”, comenta o xa doutor.

Menos custos e máis rendemento

O modelo proposto, sinala Luis Alexandre Lopes Frazão, foi deseñado para ofrecer alternativas aos problemas identificados na análise previa da situación. Entre as características da proposta resultante, o seu autor destaca “o uso da intelixencia artificial para crear funcións que axuden aos administradores das redes a lograr unha boa calidade de servizo para os usuarios finais”. As vantaxes que estes sistemas intelixentes poden achegar ás redes das zonas rurais, comenta o enxeñeiro informático luso, céntranse en reducir os custos de instalación e mantemento e mellorar o rendemento.

A arquitectura do modelo de xestión proposto na tese, detalla o seu autor, divídese en varios módulos que teñen os mesmos obxectivos: redución de custos e automatización dunha xestión remota. A monitorización de dispositivos e servizos, xunto coas ferramentas de diagnóstico e prevención, recalca o doutor, “permiten ao xestor de rede coñecer en tempo real a rede, os dispositivos e o seu estado de servizo”. A creación de informes históricos e gráficos de valores dos dispositivos e os seus servizos, engade, “son ferramentas que axudan ao administrador a previr e resolver problemas”. O modelo tamén propón solucións automatizadas de resolución de problemas a través de ferramentas de recuperación automática e permite instalar un novo dispositivo na rede sen necesidade da presenza dun administrador ou persoal especializado.

Durante a investigación tamén se desenvolveu un portal web para proporcionar información relevante e obxectiva aos usuarios da rede. Finalmente, o modelo propón a monitorización de usuarios para evitar abusos de tráfico e dar prioridade a algúns tipos de tráfico de aplicacións. “A solución permite mellorar o rendemento da rede mediante a toma de decisións intelixentes baseadas no estado actual das variables de tráfico da rede que resultará nun uso xusto da mesma e mellorará a calidade da experiencia para todos os usuarios”, comenta Frazão.

Aplicación positiva

O modelo de xestión aplicouse mediante o despregamento dunha rede sen fíos no proxecto Memória Online, nun pobo do centro de Portugal chamado Memória. Segundo detalla Frazão, instalouse unha solución de monitorización de código aberto co fin de permitir a configuración de todo tipo de dispositivos e servizos, apostando por un software escalable e de funcionalidade “case interminable”. Tamén se realizou a interacción deste servizo de monitorización con outras aplicacións permitindo aproveitar os datos de monitorización para outras aplicacións. “A posta en práctica do modelo de xestión deu como resultado unha infraestrutura de rede sustentable e estable na área rural de Memória”, resume o investigador.

“A gran retroalimentación dada polos residentes que utilizan a rede son satisfactorios para o proxecto. As autoridades locais tamén están a gozar do excelente servizo que está dispoñible para toda a comunidade”, comenta Luis Alexandre Lopes Frazão. A aplicación do coñecemento a un caso real, recalca, “foi moi motivador porque o noso traballo contribuíu a axudar a unha comunidade de persoas e negocios, a mellorar a vida de moitas persoas. Isto potencia a igualdade entre persoas de diferentes xeracións e lugares”, recalca o autor.