DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase da calprotectina, facilmente medible na maioría dos laboratorios clínicos

Unha tese de doutoramento identifica un biomarcardor que facilita e axiliza o diagnóstico do derrame pleural maligno

A súa inclusión na práctica clínica habitual permitiría reducir o número de biopsias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 24/02/2022

O derrame pleural é unha patoloxía frecuente cunha incidencia anual estimada en España de 150.000 pacientes ao ano. Pode estar producido por máis de 60 enfermidades pleurais, pulmonares ou extrapulmonares distintas, polo que establecer un diagnóstico de xeito rápido, pouco invasivo e que permita tomar decisións clínicas de maneira urxente resulta un gran desafío clínico. Consciente desta realidade, o investigador do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo Pedro Casado centrou a súa tese de doutoramento no estudo dunha proteína, a calprotectina, como ferramenta diagnóstica desta doenza. Os resultados non deixan lugar a dúbidas e conclúen de xeito claro que esta proteína é un parámetro bioquímico válido e útil na práctica clínica como biomarcador diagnóstico do derrame pleural e podería incluírse facilmente na maioría dos laboratorios clínicos coa tecnoloxía actualmente dispoñible e con tempos de resposta adecuados ás necesidades médicas. 

O emprego deste biomarcador no diagnóstico da enfermidade permitiría, segundo explica o autor da tese, reducir o número de biopsias innecesarias, “o que á súa vez suporía unha diminución da morbilidade asociada ao proceso, do gasto sanitario e da ansiedade dos pacientes, ao non ter que realizar  máis probas nin agardar aos resultados”, explica o investigador, ao que engade que “a principal vantaxe da calprotectina fronte a outros biomarcadores é a facilidade coa que esta proba pode ser implementada na práctica clínica, xa que a maioría dos laboratorios clínicos dispoñen nas súas carteiras de servizos de métodos de determinación desta proteína que son facilmente adaptables ao líquido pleural”.

Arredor do 35% dos derrames pleurais son de etioloxía maligna

Aproximadamente arredor do 35% dos derrames pleurais que se detectan en España son de etioloxía maligna e a súa prevalencia aumenta coa idade, podendo alcanzar o 77% nos pacientes maiores de 60 anos. “O derrame pleural maligno asóciase a etapas avanzadas do cancro e a un mal prognóstico, cunha supervivencia media inferior a un ano, de aí a importancia dun diagnóstico rápido”, subliña Casado, farmacéutico especialista en Análises Clínicos e actual responsable do Laboratorio de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, cargo que compatibilizou coa realización desta investigación baixo a dirección da investigadora Lorena Vázquez, do grupo Functional NanoBioMaterials, FunNanoBio, do Cinbio, e de Maribel Botana, do Servizo de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro.

A maioría dos estudos de avaliación da precisión diagnóstica de novos marcadores candidatos a ser empregados na práctica clínica están realizados, tal como apunta o investigador, cun pequeno número de persoas, pacientes que xeralmente proceden dun único centro, polo que resulta difícil extrapolar os seus resultados na práctica clínica. Neste traballo de investigación a validez clínica da calprotectina no diagnóstico do derrame pleural confirmouse mediante estudos prospectivos multicéntricos. “As determinacións dos niveis de calprotectina foron realizados en laboratorios de análises clínicas en onde se empregaron, avaliaron e compararon dúas técnicas instrumentais diferentes”, apunta o autor da tese, ao tempo que explica que ambas técnicas foron avaliadas previamente para o seu emprego en líquido pleural, xa que actualmente non existe ningún procedemento de medida de calprotectina validado para o seu emprego neste tipo de mostras.

Con respecto aos resultados, Casado indica tamén que na análise multivariante con outros parámetros bioquímicos, clínicos e radiolóxicos habituais, a calprotectina foi a variable independente con maior valor preditivo da malignidade, amosando unha “elevada exactitude diagnóstica para diferenciar entre derrame pleural benigno e maligno”.