DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizada por Pedro Danilo Ponciano, director executivo da Academia Olímpica dese país

Unha tese explora os beneficios do deporte entre a mocidade en risco de exclusión de Guatemala

Permite xerar melloras na súa na autoestima e no control das emocións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/06/2023

Profesor na Universidad del Valle e director executivo da Academia Olímpica de Guatemala, Pedro Danilo Ponciano convertíase recentemente no primeiro doutor en Ciencias do Deporte formado nesta universidade guatemalteca, tras defender a súa tese na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés. A realidade de Guatemala, un “país multiétcnico e pluricultural que sufriu pobreza e violencia”, como sinala, constituía ademais o punto de partida da súa investigación, na que buscou coñecer os efectos do deporte en rapaces en risco de exclusión social tanto da capital como dunha rexión rural do país.

“O deporte e a educación física poden servir como ferramenta para fomentar o desenvolvemento en todo o país. Sen embargo, existe unha investigación limitada sobre o seu uso como ferramenta para promover beneficios sociais máis amplos”, sinala Ponciano Núñez, que realizou a súa tese Análisis de proyectos basados en el deporte para el desarrollo humano de adolescentes vulnerables, baixo a dirección da investigadora do grupo Gies-10 María José Martínez Patiño e do profesor da Universidad Isabel I Iago Portela. Licenciado en Educación Física, Deporte e Recreación pola Universidad de San Carlos, cun mestrado en Deporte e Estudos Olímpicos pola Universidade de Tsukuba, no Xapón, Ponciano desenvolveu a súa tese no programa de doutoramento en Educación, Deporte e Saúde da UVigo, sendo o primeiro investigador do seu país en centrar a súa tese neste ámbito. “Para min é un logro importante, xa que pode servir de exemplo para outros profesionais” e contribuír a que “o noso país avance a un deporte máis científico, cuxas decisións sexan baseadas na evidencia”, sinala.

Dúas realidades distantes, pero conectadas polo risco de exclusión

O seu estudo buscaba comparar tanto a práctica deportiva como as “características fisiolóxicas e de saúde” de dos grupos de mozos e mozas, de entre 12 e 18 anos, en risco de exclusión. Por unha banda, na investigación participaron 90 rapaces e rapazas “involucrados nunha organización educativa a través do deporte”, que residían en barrios conflitivos da capital e que tomaban parte nun programa promovido pola Fundación Olímpica Guatemaleteca (Funog), que ademais de promover que practiquen diferentes deportes, busca tamén achegarlles unha serie de valores e contribuír á súa educación. ”A Funog é unha institución que persegue a transformación de nenos, nenas e mozos que viven en zonas de risco de Guatemala” e a súa metodoloxía de traballo “está baseada na promoción dos valores olímpicos co obxectivo de utilizar o deporte como ferramenta para a prevención da violencia e a delincuencia”, explica Ponciano. 

Por outro lado, a investigación contou coa participación doutros 91 rapaces e rapazas do municipio de Momostenango, no departamento de Totonicapán, residentes nun barrio, Panictacaj, onde a infancia e a mocidade sofre “pobreza e pobreza extrema, onde as oportunidades de estudar son limitadas e existe a desnutrición crónica”, sinala Ponciano. “Moitos deles desertan da escola para axudar a seus pais a traballar e en varios casos son explotados laboralmente”, engade o investigador, que explica que neste caso trátase de mozos que non se viron “influenciados por ningunha organización” ligada ao deporte.

As melloras xeradas polo deporte

En ambos casos, as avaliacións realizadas permitiron observar que tanto os niveis de actividade física, como o desenvolvemento de “competencias socioemocionais” e os niveis de autoestima de ambos grupos eran “especialmente baixos”, recoñece. Mais, o estudo permitiu tamén constatar as posibilidades do deporte como “estratexia para o desenvolvemento comunitario”, sinala Ponciano, tendo en conta ademais que se trata de mozos e mozas, lembra, nunha situación de risco que “contribúe a que se integren en prácticas delituosas ou ao consumo de substancias psicoactivas”. 

De feito, unha das conclusións desta tese é que os mozos e mozas que participaban no programa deportivo da Funog tiñan uns niveis máis altos de actividade física que o outro grupo. Concretamente, o 76% das e dos participantes no estudo na cidade de Guatemala realizaban exercicio físico frecuentemente e outro 19% facíano de xeito ocasional, mentres que no caso da zona rural, só o 54% facían exercicio de xeito frecuente e o 43% de forma ocasional. 

O grupo de rapaces da capital presentaba tamén un maior grao de desenvolvemento das súas “competencias socioecomocionais de autorregulación e motivación”. Como explica o autor desta tese, a autorregulación “é o proceso que unha persoa realiza para poder ter control sobre as súas emocións, condutas, pensamentos e motivacións, que lle permiten alcanzar unha meta específica”. Os mozos e mozas da contorna urbana presentaban nese senso uns mellores resultados na súa avaliación, pese a que “aínda deben mellorar certas competencias como o traballo en equipo ou a súa empatía”, aspecto nos que, engade, o deporte podería serlles unha ferramenta útil, á vez que pode transmitirlles valores como a amizade, o respecto, a excelencia, a disciplina e a responsabilidade. 

As achegas da tradición maia á “alfabetización en saúde”

Por outra banda, tanto o grupo de participantes na contorna urbana como o do rural afirmaban, en máis do 70% dos casos, gozar dunha moi boa saúde. Non obstante, no referido á “alfabetización en saúde”, termo que fai referencia á “forma na que os individuos perciben a súa saúde e a influencia teñen nesta certas condicións biolóxicas, sociais e psicolóxicas”, rexistráronse mellores resultados nos mozos e mozas do rural, tanto no referido ao seu coidado, como á prevención de enfermidades e á promoción da saúde. Neste punto, Ponciano sinala que os rapaces e rapazas de Momostenango teñen acceso “a dúas fontes de información que permiten incrementar o seu coñecemento” nestes temas, o sistema público de saúde e a “medicina tradicional” da zona. “A medicina tradicional maia”, explica, substitúe nestes colectivos ás prácticas propias do sistema sanitario no referido “ás políticas de prevención, promoción, curación e rehabilitación”, mentres que nas áreas urbanas, ao entenderse que mozos e mozas teñen un maior acceso á información, “non se priorizan as campañas de promoción da saúde”.