DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os resultados son especialmente significativos para países con economías emerxentes

Unha tese reivindica o papel da RSC como fonte de vantaxe competitiva para as empresas

A autora busca espertar o interese do empresariado para que incorporen estas políticas nas súas estr

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 24/11/2017

Reivindicar a responsabilidade social corporativa como unha fonte de vantaxe competitiva para a organización, capaz de manter e reforzar a súa posición fronte ás demais empresas presentes no mercado e apoiar a súa sustentabilidade a longo prazo. Esta é, a xuízo da investigadora Luz Amparo Macías, a gran contribución da súa tese de doutoramento, un estudo pormenorizado centrado no tecido empresarial colombiano, onde son escasos os estudos que abordan as implicacións deste tipo de comportamentos, e cuxos resultados son aplicables a outros contextos culturais e económicos de economías emerxentes, como son os países do centro e sur de América.

“A día de hoxe as empresas colombianas enfróntanse a un mercado aberto e competitivo e teñen que ir en sintonía coas esixencias económicas, sociais e ambientais mundiais”, explica Macías, que recalca tamén o feito de que apenas hai estudos que aborden as implicacións deste tipo de comportamentos e nos que a atención se centre en todo o relacionado co cliente e a competencia. “Os resultados acadados son moi significativos, posto que proporcionan un apoio á teoría existente sobre os stakeholders”, recalca a investigadora, ao tempo que fai fincapé na importancia de propor vías de acción de utilidade para a xerencia e a dirección das organizacións.

Conclusións “útiles e importantes” para as xerencias empresariais

Das conclusións deste traballo de investigación, dirixido polo profesor Carlos Ferro, derívanse pois “útiles e importantes” implicacións xerenciais, que servirán de orientación para os xestores das empresas á hora de deseñar as súas estratexias, nas que teñan en conta programas ou políticas de responsabilidade social corporativa, que lles permita dirixir un comportamento en toda a organización, fronte ás esixencias e expectativas das súas partes interesadas (accionistas, clientes, traballadores...) e, á vez, mellorar os seus resultados empresariais.

“Os xerentes das empresas deben considerar o emprego das normas e os instrumentos para xerar comportamentos enfocados aos seus grupos de interese, posto que como quedou comprobado nesta investigación, poden afectar positivamente a estas condutas”, subliña a autora da tese, que remarca o feito de que a xerencia debe concentrar esforzos na elaboración e implementación de políticas de trato xusto e equitativo a todos os provedores, ou políticas que definan a natureza das contribucións das empresas á comunidade.

Resultados favorables, tanto financeiros como en reputación

Ao longo desta investigación a autora vai debullando os motivos polos que defende que as organizacións empresariais poden atopar unha vía para mellorar os seus resultados a través dunha cultura e comportamento orientado cara os stakeholderes, mediante os cales se induce aos membros da organización, estimulando unha preocupación xeral por unha diversidade de actores e non só por un grupo específico. “Desta maneira, ao conformar unha cultura corporativa con normas claras, baixo o principio fundamental da responsabilidade social corporativa, e transmitindo estas normas a través de instrumentos efectivos de comunicación, os directores das empresas poderán xerar un comportamento orientado cara aos seus grupos de interese, obtendo, en consecuencia, importantes resultados de mercado e un maior compromiso coa organización que derivarán en resultados favorables, tanto financeiros como de reputación.