DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade asina un convenio co Research Institute of Electrical Communication de Xapón

Ti a Vigo e eu a Tohoku

Facilitará o intercambio académico cunha universidade punteira en electrónica e tecnoloxía da inform

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 25/02/2011
Noemí Rey | Vigo
Máis de 13.000 quilómetros separan á Universidade de Vigo da de Tohoku, na cidade xaponesa de Sendai, dous centros agora irmandados na busca da “internacionalización”. A universidade viguesa asinou hoxe un convenio co Research Institute of Electrical Communication da Tohoku University de Xapón para o intercambio de persoal docente e investigador, de materiais e para a planificación e implementación de investigacións e educación en cooperación. Unha colaboración que en principio durará cinco anos pensada para situar á Universidade de Vigo no panorama internacional “máis aló de Europa. Para nós é un pracer poder afianzar a nosa relación con centros de países tan punteiros en tecnoloxía como é Xapón”, explicou o reitor Salustiano Mato trala firma.

O convenio supón a culminación nunha relación estable duns contactos que comezaron hai xa seis anos a través do Departamento de Física Aplicada e que agora converte á universidade viguesa “en compañeira de viaxe do grupo de excelencia no que están involucrados centros tecnolóxicos de prestixio de Bélxica, Alemaña, Francia e Estados Unidos, como o MIT de Massachussets ou a Universidade de Princeton”, asegurou Junichi Murota, profesor da Universidade de Tohoku. Técese deste xeito unha rede que dende Xapón animan a aproveitar para a internacionalización non só dos investigadores, “que forman parte desta mobilidade dun xeito máis natural”, senón tamén do estudantado.

Situada en Sendai, unha localidade dun millón de habitantes ao leste de Xapón, a colaboración con esta universidade é especialmente importante por tratarse dun centro punteiro en electrónica, tecnoloxías da información e telecomunicacións que leva moitos anos sendo lugar de excelencia internacional. “Supón un avance moi importante ter acceso de primeira man aos avances tecnolóxicos que se están a producir. Xapón, Corea ou China están á vangarda e temos que aproveitar a oportunidade que supón achegarse a eses mercados e á investigación”, recordou Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Internacionais. Nese camiño da internacionalización, a Universidade ten claro que debe apostar por Asia, América ou Australia. Polo de pronto o convenio supón a apertura formal a un mercado de máis de 125 millóns de habitantes.

Unha estreita relación

A colaboración selada hoxe vén vencellada á figura de Stefano Chiussi e ao Grupo de Novos Materiais da Escola de Enxeñería Industrial, tras unha viaxe a un congreso en Xapón sobre dominantes en microelectrónica na que expuxo as aplicacións láser para a mellora no procesamento e na produción de chips. Foi en 2005 e dende entón a colaboración é continua. Esta tarde, aproveitando a visita do profesor Murota, celebrarase unha xornada científica sobre procesos avanzados na fabricación e caracterización de novas aleacións semicondutoras do grupo IV, no que tamén participarán os profesores Stefan Stefanov e Alessandro Benedetti.