DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas organizadas polo centro

Titulados en ADE explican as súas vivencias ao alumnado da Facultade de CC.Empresariais e Turismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 12/05/2009
Por terceiro ano consecutivo a Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo, en colaboración co Colexio de Economistas de Ourense, acolle unhas xornadas sobre as saídas profesionais da licenciatura de Administración e Dirección de Empresas (ADE) baixo o lema: Unha titulación con moitas opcións.
Dirixidas tanto a alumnos dos últimos cursos de ADE como estudantes da diplomatura de Ciencias Empresariais, estas xornadas permitirán coñecer en primeira persoa as vivencias de licenciados en ADE dende unha perspectiva múltiple, “xa que segundo un informe da Axencia Galega para a Calidade do Sistema Educativo esta titulación é unha das máis versátiles que existen no panorama educativo do ensino superior e a terceira máis demanda pola PEMES galegas”, explicou Alberto Vaquero, secretario da facultade.
Esta xornadas enmárcanse dentro do convenio asinado pola facultade co Colexio de Economistas de Ourense para dar a coñecer as saídas laborais da titulación e “supón un paso máis na política que está a seguir a facultade a favor dunha maior integración co tecido produtivo, económico e social da provincia”, indicou Vaquero.
Pola súa banda, o decano do Colexio de Economistas de Ourense, Ángel Pascual, agradeceu á facultade a colaboración e sinalou que a finalidade desta iniciativa “é que os estudantes coñezan o colexio e que membros del expliquen a súa traxectoria e experiencia profesional”.
No acto inaugural, o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, incidiu “na importancia da especialización, porque na vosa formación residirá o voso éxito”; e o decano da facultade, José Carlos Yáñez. Este último fixo referencia aos datos que sinalan “a ADE como a carreira con maior empregabilidade, o 77% dos titulados acada un contrato indefinido cun salario medio de 1500 euros aproximadamente”, aínda que tamén apuntou que estas cifras fan referencia ao período 2006-2007 antes da chegada da crise, polo que actualmente poderían ter variado.

Unha ollada ao futuro próximo

As xornadas, que se celebraron ao longo da tarde deste martes no salón de graos do Edificio Xurídico-Empresarial, consistiron na realización de dúas mesas redondas, nas cales participaron profesionais de distintos ámbitos para “contar a súa experiencia, o que permitirá aos estudantes axexar o que lles agarda nun futuro próximo”, dixo Yáñez.
A primeira das mesas, moderada polo decano do Colexio de Economistas de Ourense, Ángel Pascual, contou coa presenza de José Guillermo Álvarez, xestor de patrimonios de Caixanova; Ana Belén González, subdirectora de Caixa Galicia e Félix Sánchez, xefe da dependencia da Secretaría Xeral da AEAT (Axencia Española de Asignación Tributaria); os tres, expertos de prestixio, expuxeron a súa experiencia respectivamente nos temas de finanzas, banca e administración pública. Esta primeira mesa redonda tamén contou coa participación dunha antiga alumna da facultade, Beatriz Vázquez, que actualmente é economista do Grupo Pazos.
A segunda mesa da tarde estivo moderada polo decano da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo, José Carlos Yáñez e nela participaron Damián Lucio, socio director de Damián Lucio Asesores; Carmen Sampayo, do Departamento de Organización de Groizard; Miguel Ángel Rodríguez, de Rodríguez Piñeiro Asesores e Trinidad Domínguez, profesora da facultade. Nesta segunda sesión os relatores afondaron respectivamente na materia dos procedementos concursais, organización e recursos humanos, asesoría fiscal e contable e o punto de vista dende a docencia.