DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mañá ábrese o prazo de inscrición

Todos os segredos do deseño editorial nun curso da Aula Tecnolóxica

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 14/04/2009

Desde os xornais de gran tirada ata os libros e coleccionables sen esquecer as revistas de moda, os folletos das empresas ou os catálogos das exposicións. O deseño editorial segue a ser unha baza importante na comunicación e por iso a Aula Tecnolóxica da Casa das Campás ofrece un curso de Introdución ao proceso de maquetación de publicacións. O prazo de preinscrición xa está aberto e a partir de mañá poderase formalizar a matrícula.
O curso, que estará impartido por Diego Fernández, “céntrase en establecer unha visión ampla do proceso de elaboración dun deseño editorial, atendendo tanto os aspectos puramente formais como aqueles de carácter máis técnico”. Así, reflexionarase sobre as partes que compoñen unha publicación e estudiarase a creación dunha retícula base, páxinas mestras ou estilos de composición ademais de prestar especial atención á tipografía. Como aplicación de software, os alumnos traballarán con Adobe InDesign.
O obxectivo final do seminario, que consta de seis sesións de dúas horas de duración, “será o de dotar os alumnos dos coñecementos necesarios para definir un proxectos de deseño editorial coherente, esteticamente correcto e aplicable a diferentes tipos de publicacións”.

Matrícula a través da Aula de Posgrao Virtual

A clases celebraranse os días 20, 22, 24, 27 e 29 de abril e o 4 de maio e as prazas están reducidos a vinte. A matrícula pode realizarse a través da Aula de Posgrao Virtual e cómpre o pago dunha taxa de 10 euros. Unha vez confirmada a inscrición, para o que xa está aberto o prazo, os interesados poderán formalizar a matrícula a partir do día 15 e enviar o resgardo bancario vía email a campuspontevedra@uvigo.es, fax ou persoalmente na Casa das Campás.