DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do curso de verán Relixiosidade e Laicismo na Sociedade do Século XXI

Torres Queiruga e Fidalgo Santamariña percorren os camiños físicos e espirituais da fe

O teólogo e o antropólogo afondan en cuestións como a creación e as vías de peregrinación

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 06/07/2011
A relixión abre para os seus crentes camiños espirituais e físicos, de peregrinación, que percorrer. Estes percorridos son fonte de interese desde o punto de vista da teoloxía os primeiros e da antropoloxía os segundos. Para afondar neles o campus de Ourense celebra esta semana o curso de verán Relixiosidade e Laicismo na Sociedade do Século XXI. Andrés Torres Queiruga e Xosé Antón Fidalgo Santamariña, teólogo e antropólogo respectivamente, son algúns dos participantes que se están achegando estes días ao Ateneo para reflexionar sobre estes percorridos e a relixiosidade actual.

O curso de verán, dirixido por Fátima Braña, Julio Grande e Xosé Antón Fidalgo Santamariña, enmárcase dentro da programación de cursos de verán do campus de Ourense, patrocinada pola Vicerreitoría do Campus, a Deputación Provincial de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo. Ademais, esta iniciativa forma parte das iniciativas que cada ano organiza o Laboratorio de Antropoloxía para difundir e reflexionar sobre esta área como ciencia social.

Teoloxía

O filósofo e teólogo Andrés Torres Queiruga foi o encargado de falar este mércores sobre a creación divina e a relixiosidade humana. “Realmente o cambio cultural que removeu todos os ámbitos do saber na modernidade tamén chama a unha renovación do mundo relixioso. Non podemos comprender a fe como o facían os nosos avós. Pódese manter a mesma fe pero a súa comprensión ten que ser actualizada, é necesario un cambio de perspectiva”, salienta Torres Queiruga.

Para este teólogo é fundamental desbotar a “relixión milagreira”. “Non ten sentido falar de milagres nin dunha moral que non respecte a autonomía das persoas. Vivimos no mundo totalmente apoiados por deus, pero sen intervencións empíricas del”, advirte. Segundo o teólogo é necesario mudar as crenzas dese tipo e pensar nun deus que crea pero que trala creación lle dá á persoa a liberdade de vivir e a apoia nese camiño, non intervindo “milagreiramente”.

E antropoloxía

Ademais do camiño vital, o curso de verán analiza outros camiños da relixión. Dalgúns deles dá conta o antropólogo Xosé Antón Fidalgo, que en base á información sobre a relixiosidade recadada dos campesiños da parroquia de San Xulián de Grixalva, na provincia da Coruña, achégase aos numerosos “camiños da fe” que corresponde a tantas formas diferentes de vivir a relixiosidade como se dan nas comunidades rurais. “Eles percorren o camiño da fe ao longo do ano a través do ritual canónico, monopolizado polo cura; o camiño sacramental ao longo da vida, a través das diferentes celebracións dos sacramentos, desde o nacemento ata a morte; e os camiños dos santuarios, dos arredores xeográficos e de vocacións como a mariana”, destaca.

Froito deste traballo antropolóxico, Fidalgo Santamariña salienta que na súa intervención este venres no curso de verán realizará “unha presentación de variantes do Camiño Norte do Camiño de Santiago que pasan por esta parroquia”. O investigador formula unha serie de cuestións que lle conducen a considerar que as chamadas variantes do camiño que pasan por San Xulián “son tan Camiño Norte como as consideradas oficiais”, fundamentándose en aspectos como a distribución dos asentamentos de poboación e a tradición oral do lugar.