DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova edición do Concurso de Creación Artística

O traballo, o esforzo e a creatividade, agora tamén teñen premio

Os interesados teñen ata o vindeiro día 24 para inscribirse

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 09/06/2011

A creativide, as gañas de progresar, a curiosidade ou o espírito triunfador en base ao traballo son tan só algúns dos valores que a Universidade quere transmitir entre o alumnado, docentes e PAS. Tendo en conta estes principios e sendo conscientes do talento que se agocha tras as paredes desta institución, nesta ocasión cabe falar de pintura, música, fotografía e proxectos audiovisuais xa que, ata o día 24 de xuño, estará aberto o prazo de inscrición no concurso de creación artística. Pese as restricións económicas derivadas da actual situación de crise na que nos atopamos, a contía dedicada aos premios, fomentados pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, suman un total de 14.500 euros, distribuídos entre as diferentes modalidades das catro categorías.

Categorías, modalidades e premios

O concurso anual, que xa vai pola novena edición, é un certame agardado e valorado polos membros da comunidade universitaria que non queren perder a oportunidade de amosar o seu talento á vez que optan á posibilidade de aumentar o seu palmarés persoal. Grazas á temática libre, os concursantes poden presentar os traballos que realizaron durante o curso para as diferentes materias, sendo esta vez valorados por un xurado formado por membros da comunidade universitaria e profesionais de prestixio de cada sector.
Nesta edición, dentro da rama audiovisual haberá cinco modalidades de participación: curta narrativa, documental, vídeo experimental, animación e vídeo publicitario, que debe ir acompañado dun dossier que inclúa un briefing, a estratexia e os obxectivos da peza. O premio en cada categoría suma un total de 1.200 euros para o mellor traballo e 500 para o accésit.
No caso da pintura, o premio será para aquela persoa que presente a obra mellor valorada polo xurado, sempre e cando cumpra cos requisitos estipulados nas bases oficiais do concurso, recollidas na páxina web da Vicerreitoría de Extensión Universitaria. A contía do premio nesta categoría alcanza os 1.500 euros.
Respeto ao apartado musical da convocatoria, falamos de dúas modalidades para a presentación das maquetas: folk e pop/rock. Poderán participar tanto solistas como grupos, sempre e cando non presenten pezas premiadas noutros concursos e non teñan respaldo discográfico dalgunha produtora. Neste caso o premio será único, alcanzando os 1.200 euros.

A modalidade por excelencia

Das catro categorías que compoñen este concurso de creación artística destaca especialmente a participación acadada pola fotografía xa que, na edición de 2010, presentáronse máis de 200 imaxes. As modalidades de participación son dúas, non excluíntes, podéndose presentar tanto unha fotografía única coma unha serie temática, composta dun máximo de cinco. O premio suma 900 euros para o gañador e un accésit de 300 euros para a serie fotográfica, ademáis de 600 e 200 respectivamente para a fotografía única.