DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñaría Forestal acolleu unha xornada informativa sobre prevención de riscos laborais

Nos traballos en altura, toda precaución é pouca

A Universidade de Vigo foi pioneira en ofrecer estudos oficiais nesta materia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 27/11/2012

A Escola de Enxeñaría Forestal acolleu este martes unha Xornada sobre prevención de riscos laborais, centrada na análise da normativa vixente sobre as condicións de seguridade dos equipos materiais empregados para os traballos en altura. Organizado por Fremap, o encontro foi inaugurado polo director da escola, Enrique Valero, que fixou alusión á necesidade de que a Universidade se manteña aberta e colabore con outras empresas e institucións no eido da formación, “sobre todo neste ámbito, onde calquera prevención é pequena”, declarou Valero que se congratulou de ver entre o público a profesionais do sector "que cursaron estudos neste centro".

Esta xornada teórica naceu co propósito de debullar as liñas de actuación que a normativa legal actual establece para desenvolver manobras en altura, dirixida principalmente a traballadores do eido da prevención de riscos laborais, xefes de obra e a responsables de mantemento ou de aluguer e compra de equipos. Ademais dunha posta ao día das esixencias legais, tamén se afondou nas condicións de seguridade necesarias para traballar con plataformas elevadores de persoas e de mástil ou con equipos mixtos para cargas e en outros aspectos preventivos como a formación de operadores ou o mantemento dos equipos.

A Universidade, pioneira en ofrecer esta formación

O profesor Luis Ortiz serviu de nexo de unión entre a mutua e a escola para que as xornadas se celebrasen no campus pontevedrés. “Que a Universidade de Vigo fose pioneira no ano 97 en establecer formación oficial en materia de riscos laborais en España fai que nos tomen como referencia para este tipo de encontros”, salientou Ortiz, que define este sector profesional como unha saída interesante para os futuros titulados e tituladas en Enxeñaría Forestal. Dada esa tradición na ensinanza en prevención de riscos laborais, “moitos dos que hoxe están ocupando postos de responsabilidade neste eido proceden dos nosos estudos de posgrao”, aclarou o docente da escola.

Ademais de profesionais do sector, tamén acudiron ás xornadas alumnado da escola “pois é un complemento importante para a súa formación pois no campo forestal acostúmase a facer moito traballo en altura”, apuntou Ortiz, un encontro que tamén axuda a proxectar o centro entre o tecido empresarial especializado da contorna. “A esta cita acudiron preto de 80 empresas o que nos permitiu dar a coñecer o que aquí se oferta”, concluíu o docente.

"Abuso" dos traballos con cordas

Este curso formativo foi impartido polo enxeñeiro técnico industrial Ramón Rodríguez Roel, con máis de 33 anos de experiencia no mundo da prevención de riscos laborais. Foi o responsable de explicar a normativa actual e achegar consellos prácticos para situacións concretas en traballos en altura baseándose na súa propia experiencia. Destacou que a crise económica está a provocar “un excesivo abuso” de mecanismos con cordas, un método ao que a normativa estipula cinco alternativas antes de empregalo. “Débense alegar motivos perfectamente demostrables de que non se poden empregar as outras vías para realizar unha manobra en altura”, advertiu o experto, unha documentación necesaria “que en moitas ocasións non acostuma estar moi razoada”. O experto fixo especial fincapé en que todas as decisións tomadas en materia de prevención de riscos laborais deben estar avaliadas previamente, demostradas, recollidas por escrito e asinadas por un responsable. “A liña de actuación para cambiar unha lámpada debe estar probada con anterioridade”, exemplificou o experto.