DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do Máster en Dirección integrada de proxectos coñece a técnica do 'chi kung'

Tradición chinesa para o coidado físico dos nosos maiores

O estudantado e profesorado aprenderon da man dunha asociación procedente do país oriental

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 16/11/2012

España e Europa “envellecen a pasos axigantados”, sinala o profesor José María Cancela, de aí que considere imprescindible incluír no Máster Interuniversitario en Dirección integrada de proxectos que coordina unha formación básica sobre exercicio físico para persoas maiores. Nesta liña, o seu alumnado recibiu este venres unha clase especializada de chi kung, unha técnica tradicional chinesa que combina exercicios físicos, de respiración e de concentración para coidar a saúde, impartida pola asociación Qigong que viaxou dende o país oriental a España para formar monitores especializados en Vigo e Madrid.

Ao longo de dúas horas de sesión, o alumnado achegouse a un dos exercicios básicos do chi kung, o ba duan jin, composto por oito manobras nas que se traballan integralmente corpo e mente “cunha forte base respiratoria”, engade Cancela. Esta práctica sinxela mellora “os órganos internos e vitais ademais de influír no fluxo enerxético e circulatorio do corpo”, deixando nun segundo termo o traballo muscular. Cabeza, mans, brazos, pernas, pés....todas as partes do corpo toman protagonismo nunha actividade na que a concentración e o equilibrio “son básicos”. Quen acostuma impartir esta modalidade destaca que é beneficiosa para todo o mundo “pero sobre todo para persoas que levan tempo sen facer exercicio ou para maiores con dificultades no movemento”.

Todo o estudantado amosouse moi interesado en afondar nesta técnica tradicional pois abre novas posibilidades de futuro “nun campo profesional tan amplo como é o do exercicio físico”, comenta o profesor, unha práctica oriental que non é tan coñecida como o tai-chi, “máis vinculado coas artes marciais”, aclara. A súa vocación saudable fai que o chi kung sexa de práctica obrigatoria nos centros de ensinanza básica e superior en China, “un deporte masivo e oficial no seu país que a nós nos pode axudar cos nosos maiores”.