DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Deluxe inicia as actuacións musicais

Tradición e vangarda na programación cultural para este cuadrimestre

O Teatro Vidal Bolaño acolle a maior parte das actuacións

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 23/10/2007
Avalados polo éxito das edición anteriores, o teatro e a música son un ano máis os protagonistas da programación cultural que a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes organizou para este cuadrimestre. Dende o mércores, co concerto do grupo coruñés Deluxe, ata o vindeiro 18 de decembro, co Concerto de Nadal, os universitarios terán múltiples oportunidades para achegarse ás últimas creacións culturais.
A nova programación combina a música alternativa, nunha nova edición do Ciclo Sonora, e a firme aposta polo teatro, tanto na rúa coma no Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria. O obxectivo: espertar o interese polas artes escénicas e a música en calquera que sexa a súa expresión.

Deluxe abre o cartel musical

Deluxe abre mañá a programación musical cun concerto no que mesturará cancións do seu último album “Fin de un viaje infinitivo” con outros xa clásicos na súa traxectoria, caso, por exemplo, do seu primeiro traballo publicado integramente en castelán “Los jóvenes mueren antes de tiempo”, elixido pola revista Rolling Stone como Mellor Disco Español do Ano.
No eido musical, o ciclo Sonora tomará o relevo cun cartel no que destaca a actuación o vindeiro 14 de novembro do Grupo Lagartija Nick, unha banda de rock nacional caracterizada polo seu potente son e por fuxir da rutina, tal e como se demostrou no seu disco “Omega” con Enrique Morente. Dentro do mesmo ciclo, na seguinte xornada, proxectarase o documental “Leonard Cohen I’m your man” de Lian Lunson.
Dende un ámbito totalmente distinto, a banda Bonovo pechará o cartel musical. A mestura de instrumentos como a zanfona, o acordeón e a batería dotan as pezas do grupo dunha singular sonoridade.

O teatro, na rúa e no auditorio

Teatro de Ningures, Yllana e Malasombra compoñen a oferta de teatro no Vidal Bolaño para este curso. A eles uniranse as actuacións de teatro na rúa programadas no Centro Comercial da Cidade Universitaria.
A londiniense Abigail Collins abrirá o martes 30 outubro as actuación na rúa. Co espectáculo “Un femme Exposée” achegará ao público vigués, a través da acrobacia, a canción e a danza, a historia dunha diva vida a menos. Nesta procura da interrelación co público, actuarán tamén o galego Trasno, La Máscara de Arxetina e os cataláns Miguelillo.
A programación cultural deste cuadrimestre pecharase co Concerto de Nadal previsto para o 18 de decembro.Será no Centro Cultural Caixanova.

Programación cultural.