DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto celebrouse no Politécnico de Ourense

A transferencia de coñecemento e a reforma dos usos docentes, eixos centrais da inauguración do curso

A lección inaugural de Jesús de Juana versou sobre “Historia e galeguidade”

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/10/2007

“É moito o que temos por diante, pero tamén é grande a convicción de que podemos conseguilo”. Con estas palabras finalizaba a súa intervención o Reitor, Alberto Gago, no acto de apertura do curso 2007/2008 na Universidade de Vigo, celebrado no salón de actos do Edificio Politécnico de Ourense.
Unha ampla representación da comunidade universitaria, así como responsables políticos e responsables de organismos e entidades económicas e sociais, asistiron ao acto que se iniciou coa lectura do resumo dos feitos máis salientables do curso pasado a cargo da secretaria xeral, Esther González Pillado. O catedrático de Historia Contemporánea, Jesús de Juana López, foi o seguinte en tomar a palabra para pronunciar a lección inaugural titulada “Historia e galeguidade”, na que reflexionou sobre o papel do historiador e a identidade. O Reitor, Alberto Gago, pechou o acto cun discurso centrado nos retos do curso que acabada de comezar, poñendo o acento na transferencia de coñecemento e na docencia.

Testemuña do traballo realizado

Foi a secretaria xeral a primeira en tomar a palabra na sesión para dar lectura á memoria do curso precedente, 2006/2007, no que un total de 24.190 estudantes, matriculáronse na Universidade de Vigo. Esther González Pillado lembrou que o cadro de profesorado estivo integrado por 1.595 docentes e o de persoal de administración e servizos por 299 funcionarios e 357 laborais. A consolidación da capacidade competitiva da universidade en investigación e as súas actuacións de transferencia, participando en proxectos europeos por importe de 1.233.958,29 euros, ou a tramitación de 15 solicitudes de patentes nacionais, unha extensión europea dunha patente nacional e un modelo de utilidade, foron algúns dos feitos salientados pola secretaria xeral na súa intervención, na que tamén puxo de manifesto a importante actividade desenvolvida na mobilidade tanto de alumnos, como de docentes. Datos que son, asegurou, a secretaria xeral “breve pero fiel testemuña do intenso traballo realizado co esforzo de todos os que formamos parte da comunidade universitaria”.

A galeguidade é un sentimento de pertenza

A continuación o catedrático de Historia Contemporánea, Jesús de Juana López deu lectura á lección inaugural. En “Historia e Galeguidade”, de Juan reflexionou sobre o oficio do historiador e as condicións necesarias para desenvolvelo: obxectividade, independencia, responsabilidade, ademais da obriga social de contar e divulgar o seu traballo.
Sobre a identidade galega, catedrático de Historia Contemporánea apuntou os elementos básicos que a definen, entre os que destacou o espazo e a lingua, como un dos elementos máis indiscutibles de identificación. Para de Juana “a galeguidade máis que unha realidade espacial é un sentimento de pertenza ao pobo galego, unha experiencia íntima e compatible de conciencia común, que non estaría asentada, segundo o anterior, na Galicia territorial e física, senón que se espallaría por todos os lugares onde habitar un galego que mantivera os usos, costumes, lingua, cultura, ao cabo, propio dos galegos”.

Transferencia e docencia

“Cambios organizativos, cambios nos plans de estudo, cambios nos títulos, nas unidades de medida, nas metodoloxías”. Con estas palabras describiu o Reitor, no seu discurso de apertura do curso, o momento de cambio que está a vivir a universidade na que, engadiu Gago “estamos metidos de cheo en importantísimos retos de investigación, transferencia e docencia”. O Reitor, que incidiu na necesidade de crear coñecemento, pero sobre todo de transferilo e aplicalo, apuntou que “debemos concretar o papel a asumir pola Universidade nas novas estruturas de investigación, incluíndo Unidades Asociadas e Centros Mixtos de Investigación, Centros e Plataformas Tecnolóxicos, Parques Tecnolóxicos...”
Alberto Gago, que tamén pediu “humildemente recoñecemento social para o traballo que facemos nos nosos centros de investigación”, destacou no seu discurso que “este é para nós o tempo da docencia con maiúsculas”, entendido como un proceso elaborado que anima aos estudantes a aprender. O Reitor finalizou a súa intervención facendo referencia aos principais retos que afronta o campus de Ourense entre os que citou o soterramento da estrada que atravesa o campus, a modernización da oferta do campus, así como a inauguración do CITI e a incorporación de investigadores e equipos do campus ao Centro Tecnolóxico da Carne.

O inicio do curso para...

Coa interpretación do Gaudeamus Igitur a cargo do coro Auria Canter, finalizaba o acto de apertura do curso 2007/2008 na Universidade de Vigo que para o presidente do seu Consello Social, Emilio Atrio “está sometida á lei da evolución constante e non pode anquilosarse. A educación e a cultura hai que aplicalas de acordo ás esixencias sociais de cada momento”.
Pola súa banda o vicerreitor de Ourense, Juan Francisco Gálvez fixo seus os proxectos apuntados polo Reitor para o campus ourensán ao tempo que fixo fincapé no reto de “estar máis preto das empresas e poder ofrecerlles os nosos servizos”. Para Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra, “debemos adaptarnos canto antes ao novo modelo europeo de educación superior e dar resposta ás necesidades que a sociedade da ciencia e da cultura demandan”.



Esther González: "A Universidade consolidou a súa capacidade competitiva en investigación"

Jesús de Juana: "A historia do presente é unha historia herdada"

Alberto Gago: "Hai que crear coñecemento, pero sobre todo transferilo e aplicalo”