DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un obradoiro de Extensión Universitaria debulla as claves compositivas da música rock e pop

Tres acordes para coñecer o interior das cancións

Impartido por Óscar Avendaño, céntrase principalmente nas letras dos temas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cursos
  • Música
  • Cultura
M. Del Río DUVI 27/04/2023

Canción protesta, canción denuncia, cancións de amor... o interior das cancións é tan rico e diverso como o son as e os artistas que as crean. A situación política e social e as circunstancias vitais e persoais dos compositores adoitan ser os principais motivos de inspiración para escribir as letras e, para coñecer máis polo miúdo este proceso, estase a desenvolver o obradoiro de Extensión Universitaria baixo o título Tres acordes e a verdade: viaxe ao interior das cancións.

O curso botou a andar a pasada semana e impártese no café A Casa de Arriba de Vigo ata comezos do mes de xuño da man da profesora do Departamento de Lingua Española Susana Rodríguez Barcia e do músico Óscar Avendaño, o que fora baixista de Siniestro Total.

O principal obxectivo deste obradoiro é afondar no contido, motivos principais e estrutura das cancións fundamentais da historia do rock e o pop desde a década de 1950 ata a actualidade e tratar de sintetizar as súas características formais. A duración total da docencia é de 30 horas, con 27 de clases presenciais e tres de traballo do alumnado nas tardes de diferentes mércores e xoves dende a pasada semana e ata o 7 de xuño. Segundo explican os seus impulsores, o que se pretende “é achegar ao alumnado as claves compositivas da música rock e pop, en especial en canto á relación das letras coa historia política e social e as circunstancias persoais dos e das artistas”. Para iso, ao longo das sesións abordarase o concepto de carisma e de credibilidade na música e analizaranse as claves artísticas das persoas que destacaron especialmente na historia contemporánea”. Ademais, en cada clase, Óscar Avendaño interpreta en directo algúns dos temas abordados na parte expositiva, tanto en solitario como en colaboración co alumnado que teña coñecementos musicais.

Oito sesións sobre composición e interpretación

A primeira sesión, que tivo lugar o pasado mércores, centrouse na expresión artística e a comunicación de emocións, abordando dende as artes como forma de canalizar mensaxes complexas ata os motivos principais da poesía e a música ao longo do tempo. A segunda cita foi onte mércores e nela as e aos asistentes puideron coñecer o proceso de creación dunha canción e as características da composición nos diferentes estilos musicais, dende o country e o blues ata o rock e o pop. As dúas seguintes citas serán para achegarse á verdade na composición, analizando sentimentos como o lamento a través de cancións de traballo e desgrazas; a eternidade, con canción de amor e norte; a verdade e a simplicidade compositiva ou o carisma. A sesión quinta e a sexta enfocaranse na interpretación das pezas, atendendo ao carisma, a loucura ou os disfraces. A seguinte sesión será para analizar os motivos e as técnicas na música do século XXI e a derradeiras para realizar prácticas de composición guiada.