DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coorganiza o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, CISPAC

Tres docentes da UVigo participarán este venres nun encontro sobre retos e oportunidades da cultura dixital para Galicia

Martín López Nores, Beatriz Legerén e Ana Soler presentan no edificio Fontán os seus proxectos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 20/04/2022

Os profesores da Universidade de Vigo Martín López Nores, Beatriz Legerén e Ana Soler participarán este venres en Santiago de Compostela na xornada Cultura dixital: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia, un encontro organizado polo Campus Innova da Universidade da Coruña en colaboración co Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, CISPAC, do que forma parte a Universidade de Vigo, e a Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo, Crusoe. 

Será no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura e alí coincidirán diversos investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, así como do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), que presentarán os seus proxectos de investigación relacionados coa cultura dixital. O obxectivo é poñer en común as capacidades do Sistema de Ciencia e Tecnoloxía galego na transición dixital na Cultura e o Patrimonio, así como identificar os retos e oportunidades aos que facer fronte neste eido. 

Tres experiencias innovadoras con selo UVigo

No caso dos participantes da Universidade de Vigo o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Martín López Nores, exporá os principais avances conseguidos a través do proxecto internacional rurAllure, liderado pola Universidade de Vigo e que conta cun financiamento de 3 millóns de euros procedentes do programa H2020 da Comisión Europea. rurAllure ten como obxectivo da divulgación do patrimonio cultural que rodea ás grandes vías de peregrinación de Europa, ampliando as experiencias dos peregrinos que discorren polas grandes vías europeas, achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación. 

A profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Legerén, primeira presidenta do Clúster TIC de Galicia, é experta en videoxogos e unha das integrantes ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte en contornas virtuais), unha experiencia de innovación docente entre distintas titulacións da UVigo, ao abeiro da cal se están a levar a cabo diferentes experiencias, entre elas, unha residencia artística na que nove estudantes de cinco titulacións procedentes dos tres campus se reúnen cada fin de semana na Cidade da Cultura para traballar conxuntamente no deseño do primeiro nivel dun videoxogo inspirado na novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luis Méndez Ferrín.

A terceira participante da UVigo será a profesora da Facultade de Belas Artes Ana Soler Baena, especialista na aplicación das novas tecnoloxías á gráfica contemporánea e co-directora do grupo de investigación dx5, Digital and Graphic Art Research.