DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nerea Garrido está a piques de rematar os seus estudos de grao en Dirección e Xestión Pública

Tres meses en Bruxelas antes de lanzarse ao mundo laboral

É a primeira alumna do campus en realizar prácticas curriculares dentro do programa Erasmus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 14/05/2013
“Tal e como están as cousas, hai que buscar opcións que te diferencien do resto de compañeiros e compañeiras e isto é unha grande oportunidade”. Así define Nerea Garrido, alumna do grao en Dirección e Xestión Pública, a súa inminente viaxe a Bruxelas para realizar prácticas curriculares no marco do Programa Erasmus. Garrido é a primeira alumna da Universidade de Vigo que solicita expresamente realizar as prácticas obrigatorias da súa titulación no estranxeiro ao abeiro deste programa Erasmus que lle abre unha interesante canle de internalización ao alumnado.

Ata o de agora, os alumnos e alumnas adoitaban realizar as súas prácticas a través da súa propia facultade e, na maioría dos casos, en empresas galegas, e de xeito menos habitual, no resto do territorio nacional. Neste caso en particular, foi Garrido quen tivo que buscar a empresa e facer todos os trámites administrativos para acadar unha praza no Programa Erasmus. A súa iniciativa e tesón foron determinantes para conseguilo: “hai moita xente que fai prácticas no estranxeiro pero moi poucas ou ningunha foron as persoas que as fixeron como parte do seu plan de estudos. Isto é un punto a favor no meu currículo”, asegura.

A partires do vindeiro luns 20 de maio, e durante un período de tres meses, Garrido realizará as súas prácticas en Euronet Consulting EEIG. Trátase dunha consultora que traballa directamente coa Comisión Europea a través dos denominados Contrato Marco, figura baixo a que realizan diversos traballos de asistencia técnica a países de Europa central e oriental, Asia ou América Latina entre outros. “A formación teórica e a realización de prácticas son totalmente complementarias. Necesitas dunha boa base teórica pero tamén dun campo de traballo onde pola en práctica. Estou convencida de que esta experiencia vai marcar moito o meu futuro persoal e tamén profesional. Espero aproveitala ao máximo e sacarlle todo o partido”, comenta.

Interese pola UE

Mellorar a lectura e compresión dos expedientes de licitación, estudar de xeito detallado os denominados ‘Termos de Referencia’ ou coñecer de primeira man os currículos dos expertos que están á disposición da Comisión Europea son algunhas das oportunidades que vai ter esta alumna para mellorar os seus coñecementos sobre o funcionamento interno da Unión Europea neste eido tan concreto. “Sempre estiven moi interesada en todo aquilo que rodea á UE. Realizar prácticas no estranxeiro supón, a maiores, a posibilidade de ampliar os meus coñecementos noutras linguas. Sei que se quero traballar neste ámbito debo ter un nivel moi alto de inglés e francés”, salienta. É por iso que a alumna da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación agradece o apoio económico que lle brindan dende a Universidade de Vigo e mais do Ministerio de Educación para levar a cabo as súas prácticas curriculares.

Durante todo o seu proceso de aprendizaxe en Bruxelas, Garrido terá o apoio, sobre todo en cuestións administrativas, da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais. A maiores, dende a súa propia facultade, contará co respaldo do seu titor, Enrique Varela, ao que se suma o ofrecido pola consultora na que vai realizar o seu período de prácticas que lle asignará a unha persoa para que a guíe e supervise os seus avances día a día.

35 bolsas para curso 2012/13

A Universidade de Vigo adheriuse ao programa Erasmus Prácticas no ano 2008. Neste curso académico 2012/13 ofertáronse 35 bolsas para este tipo de estadías en Europa. Coa implantación dos novos graos e programas de mestrado, os alumnos e alumnas teñen a necesidade de realizaren prácticas para rematar os seus estudos. Grazas a este programa de prácticas europeo o alumnado ten a posibilidade de realizalas fóra do territorio nacional co valor engadido que iso lle supón ao seu currículo.