DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será no V Congreso Manuel Luís Acuña que se celebrará no mes de outubro no concello ourensán

Trives renderá homenaxe a Acuña e aos docentes represaliados

Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro tamén terán protagonismo nesta cita cultural

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 24/05/2012

Manuel Luís Acuña foi un escritor e poeta moi prolífico nado no concello ourensán da Pobra de Trives. Foi tamén un docente que coma outros moitos da súa época foi represaliado durante o franquismo por ter ensinado durante a II República. Todas estas características fan del unha figura moi interesante para os investigadores, tanto polo seu perfil persoal como pola oportunidade que ofrece de achegarse á historia do tempo no viviu este intelectual. Con esta idea, a Casa da Cultura do Concello da Pobra de Trives volverá a acoller do 25 ao 27 de outubro unha nova edición do Congreso Manuel Luís Acuña.

O V Congreso Manuel Acuña, organizado pola Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, polo Concello de Trives e por Nova Escola Galega, foi presentado este xoves coa participación dos coordinadores da iniciativa, Xosé Manuel Cid e Xoán Carlos Domínguez, e do alcalde do municipio ourensán, Francisco José Fernández. “Acuña sempre dá que falar pois foi unha desas persoas que cultivou, e con moi bo facer, moitos campos de coñecemento”, salientou Xosé Manuel Cid durante a presentación do congreso. O vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación fixo fincapé “no labor emblemático desta figura como docente da II República, labor polo que foi apartado despois da Guerra Civil do ensino público, aínda que puido continuar exercendo no eido privado”.

A contorna e os amigos

Aproveitando a traxectoria vital de Acuña e a súa vinculación con Trives, salientou Xoán Carlos Domínguez, “un núcleo temático fundamental do congreso, que leva por título Nos tempos en que Acuña era bacharel, será o momento histórico no que viviu”. Deste xeito, os relatores participantes afondarán, ademais de na figura de Acuña, na música da época, na fraseoloxía empregada na zona e sobre todo nos docentes represaliados trala II República e no ensino da época, achegándose a temas como a incorporación da muller ao ensino secundario e superior. “Este congreso será unha homenaxe ao maxisterio docente”, apuntou Domínguez Alberte.

Pola amizade que os uniu e por ser intelectuais destacados da mesma época, no congreso tamén darán protagonismo a dúas figuras da cultura galega como son Valentín Paz-Andrade, a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas, e a Celso Emilio Ferreiro. Concretamente do primeiro presentaranse a publicación Poesía Completa e do segundo a obra Celso Emilio Ferreiro no rodicio da vida. Unha volta polo seu wild side, do autor Ramón Nicolás Rodríguez.

“A celebración deste quinto congreso é un compromiso do noso concello pola cultura, pola posta en valor das súas figuras e pola defensa da lingua galega nun momento tan difícil como o que estamos a atravesar”, explicou o alcalde do Concello da Pobra de Trives. Francisco José Fernández salientou o papel de dinamización social e económica que esta cita ten para o concello en cada edición, pois asisten arredor dun cento de persoas, entre elas un destacado panel de investigadores e relatores. Nesta liña, o alcalde fixo especial fincapé na implicación dos centros educativos do municipio na celebración deste congreso, pois alumnos seus ofrecerán un recital de poesía e representarán a obra de teatro do escritor galego A natureza no reino da escuridade.