DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Ciencias da Educación celebra unhas xornadas centradas neste ámbito

O troco de bens e servizos, unha opción social fronte á crise

A programación culminará o sábado coa organización dun mercado de intercambio no Parque de San Lázar

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 08/05/2012

Son poucas as ocasións nas que as actividades académicas xorden promovidas desde o ámbito estudantil e dirixidas a colectivos diferentes aos que forman a comunidade universitaria. Por este motivo, as Xornadas educándonos para o troco. Eu troco... agora trócache a ti teñen un valor especial. Están organizadas por alumnos de segundo curso do Grao de Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e o seu obxectivo é contribuír a mudar valores da poboación adulta a través da formación e do ofrecemento de alternativas viables a problemas actuais.

A iniciativa, organizada coa colaboración das concellerías de Medio Ambiente e Xuventude de Ourense, xurdiu no marco da materia de Educación de Persoas Adultas impartida por Emilia Seoane. O alumnado matriculado, explican os organizadores da xornada de troco, propuxo este cuadrimestre diferentes alternativas coas que facer fronte ás necesidades de formación deste colectivo e decidiu levar a cabo un conxunto de actividades de fomento do troco de bens, servizos e ideas como xeito de desenvolver a parte práctica da materia.

Intervención educativa

O luns comezaron no Liceo de Ourense as actividades cunha conferencia na que máis dun cento de persoas escoitaron de boca de Luis García Maña a historia da relación fronteiriza entre Ourense e Portugal e do intercambio monetario e non monetario entre os dous países. Este martes proxectarase o documental Troco e o sábado día 12 a iniciativa terá o seu momento álxido coa celebración no Parque de San Lázaro dun mercado de troco, que contará cunha ampla programación de actividades paralelas como a actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense ás 12.00 h.

Segundo explican os estudantes participantes, a situación de crise económica, financeira, ambiental e política que estamos a vivir é un escenario cheo de atrancos para o desenvolvemento humano e a calidade de vida. Neste contexto e como futuros educadores sociais, propuxéronse, desde unha metodoloxía de intervención educativa, actuar para o cambio e para responder ás novas necesidades da sociedade. Para estes alumnos é fundamental ter en conta que a educación de adultos non só debe atender á alfabetización senón tamén ás necesidades formativas que permitan mellorar a cualificación profesional ou a vida laboral das persoas, así como para desenvolver a capacidade de participación na vida comunitaria e mellorar a calidade de vida.

Aprendizaxe para o pensamento crítico

Este proxecto, destacan os seus promotores, pretende guiar e acompañar aos adultos por un camiño alternativo ao actual, que permita o empoderamento da cidadanía como vía de transformación. Neste proceso, apuntan, as persoas teñen que adquirir novas competencias e capacidades de acción para transformar activamente a súa realidade. “Aprender é incrementar a propia autonomía, é gozar de liberdade para o pensamento crítico”, explican os promotores das xornadas.

Como un valor engadido desta materia de Educación Social, alén da realización deste proxecto conxunto, explica Emilia Seoane, cada estudante tivo que elaborar o seu propio proxecto sobre esta temática. Algúns destes traballos individuais están sendo agora valorados para ver a posibilidade da súa posta en marcha nas localidades de orixe dos autores.