DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Filoloxía e Tradución

O troco de libros inicia as celebracións de San Isidoro’08

O xoves 24 haberá concertos, campionatos e obradoiros

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 21/04/2008

Tras varios cursos sen celebrarse, a Facultade de Filoloxía e Tradución retoma esta semana os actos para celebrar a festa do seu patrón, San Isidoro de Sevilla. O día grande será o xoves, 24 de abril, pero desde o luns xa hai diferentes actividades que dan ao centro un aire máis festivo do habitual.
Un pequeno mercado de troco de libros dá a benvida aos que estes días se acheguen ao Pavillón Central da facultade. “É unha idea que tivo unha acollida moi boa, cada profesor cedeunos entre dez e catorce libros que agora están a disposición de calquera interesado. Ti cedes un libro e, a cambio, tes outro”, explica Ester García, unha das organizadoras.
Xunto a García, Mª de la Riera e Jessica Roade, estudantes de cuarto de Filoloxía Hispánica, son as encargadas de organizar a festa. “Nós levamos a cabo todo o que son os preparativos, despois, o xoves, imos contar cun equipo de arredor dunha ducia de colaboradores para preparalo todo”, indica Ester García.
O xoves a festa comezará con pinchos na cafetería a iso das 12.00 horas. A partires de aí, a actividade non parará ata o serán. “Temos campionatos de tute, trivial e Proevolution Soccer no comedor; un obradoiro de globoflexia, maquillaxe teatral e cariocas nas bancadas e un concurso a micrófono aberto na cafetería”, explican as estudantes da organización, que estes días, inmersas nos preparativos da festa, non paran de moverse polos corredores do centro.

A festa inclúe a entrega de premios Laranxa e Limón

Entre as principais novidades que incorporan á festa e que espertou gran curiosidade entre docentes e estudantes está a entrega de premios Laranxa e Limón. “Queriamos facer algo diferente e tivemos esta idea. Distribuímos cartolinas nos baños da facultade e puxemos unha urna na cafetería que estivo aberta máis dunha semana. Agora distribuímos a lista dos mestres finalistas e o xoves, ás dúas e media, faremos a entrega de premios”, explica Ester García.

Concertos toda a tarde

Coma en toda festa de estudantes, a música será outro dos puntos fortes da xornada. A partires das 15.30 haberá concertos nas bancadas da escola. O LEo i Arremecaghona, Os Sosios, Bajo Zero Estudios & 37 Estudios e Ganjahr Family Backed by Kinki Reggae Clube (Dj del Rass) son as formacións elixidas para dar o contido ao cartel. Dende a organización salientan que, “non pretendemos facer unha festa multitudinaria, como outras que hai no campus, senón simplemente recuperar unha actividade que non se celebraba dende o 2002. Ademais, é unha boa maneira de darlle vida á Delegación de Alumnos da facultade que ultimamente a penas organizaba nada, no que a eventos lúdicos se refire”.
Xa pola noite a festa continuará no centro da cidade con entradas gratis e descontos nas consumicións con tarxeta nos pubs Burner Bar e Arenal.